¿Claudicar?, por Inma López Silva

O 14 de setembro, a escritora e filósofa María Xosé Queizán enviou unha carta ao Consello da Muller de Vigo na que pedía «a liberdade para declarar que non quero nin quererei entrar na Academia». Xunto con numerosas adhesións, o Consello presentara a súa candidatura para formar parte da Real Academia Galega, institución que, como é sabido, acusa unha amplísima maioría masculina pouco coherente cunha sociedade galega na que a cada paso hai máis mulleres ocupando espazos de responsabilidade intelectual, creativa e ideolóxica. Queizán non se pronunciara nin sobre o seu rexeitamento nin sobre o debate arredor das últimas incorporacións á RAG, situándose elegantemente á marxe dun sismo con epicentro no seu nome, polo seu valor simbólico, polo seu activismo feminista, e, sobre todo, por ser a candidata máis pública grazas á simpatía popular xerada pola iniciativa do Consello da Muller.

¿Pero que implica esta renuncia? ¿É, como din, claudicar? Non creo. Coa súa carta pública, pon o dedo na ferida desta sociedade na que moita progresía peca de machista por omisión. Ela négase a que a súa presenza na Academia poida considerarse unha concesión en lugar do que é, un dereito adquirido a conta da súa intelixencia, coma calquera dos que alí figuran. Rexeitando contribuír á continuidade dunha institución de fórmulas retrógradas, sitúa o debate na idea de que as mulleres non deben acceder á RAG, «coma quen regala unha flor». Así converteu en fermosa a máxima de que non somos floreiros. E por suposto que non claudicamos.

Publicado en La Voz de Galicia 23/09/2011

Na categoría Reaccións! | Coas etiquetas , | Comentarios desactivados

Queizán: «Os académicos da RAG cren que o saber é cousa de homes»

María Xosé Queizán. Foto/ OLALLA LOJO

A escritora envía unha carta de agradecemento ao Consello da Muller de Vigo na que di que «nunca» quixo formar parte da institución presidida por Ferrín.

«Os académicos consideraron que o saber é cousa de homes. A Academia será o último que cambie na sociedade. Aínda que vaian introducindo algunha muller a conta gotas coma quen regala unha flor». Esa é unha das mensaxes que lanza a escritora María Xosé Queizán a través dunha carta que onte enviou ao Consello da Muller de Vigo e que hoxe reproduce na súa totalidade Manuel Bragado no seu blog Brétemas. Nesa carta, a autora de Amor de tango afirma que non estaba entre os seus desexos entrar na institución presidida por Méndez Ferrín. «Non quero nin quererei entrar na Real Academia Galega. Non me vexo na Academia e tampouco teño tempo para esa ocupación. Son abondas xa as miñas ansias e preocupacións, entre as que están as literarias, as culturais e o activismo feminista».

Queizán, ademais, emprega esta carta para amosar «a súa alegría» por que o Consello Municipal da Muller do Concello de Vigo presentase a iniciativa para que a escritora formase parte da Academia. «Dixen daquela que o voso recoñecemento era máis imporante para min que o ingreso nesa alta institución. Sei que as amigas e compañeiras feministas confiaban no labor que podía levar a cabo nesa Real Institución a favor das mulleres galegas, no eido lingüístico e cultural», explica na misiva.

«SEN ACRITUDE»

Na carta, María Xosé Queizán insiste en que nas súas palabras cara a Academia non hai ningún tipo de «acritude» e que os seus argumentos «non son ofesivos para os señores académicos». Non obstante, a súa carta si que conten críticas cara ao funcionamento da institución da Rúa Tabernas. «É certo é que nese lugar só se pode entrar para traballar polos intereses dos académicos. Nesa Casa, (onde por certo habitou a gran sabia e feminista Emilia Pardo Bazán, que, mesmo querendo, non conseguiu entrar na Academia. Tampouco entrou Rosalía de Castro) predomina o imaxinario masculino. A teoría feminista, que comeza cun precursor no s.XVII, Poullain de la Barre, segue no s.XVIII con Olympe de Gouges e Mary Wollstonecraft. coa Vindicación dos dereitos da Muller, Condorcet, Benito Feixó, Martín Sarmiento, J. Stuart Mill, F. Engels, Augusto Bebel, Pierre Bordeaux ou o actual Carl Djerassi, por citar homes, e tantas filósofas, comezando por Simone de Beauvoir, Kate Millet, Clara Campoamor, M. Le Doeuff. até as milleiras que na actualidade como Celia Amorós ou Amelia Valcárcel, forman un rico corpus, é ignorada nese contexto. Os libros onde se amosa esa herdanza intelectual, non deben figurar nas bibliotecas nin nas mentes dos ilustres académicos», lamenta.

CON MENOS MULLERES NA ACADEMIA

O Consello Municipal da Muller de Vigo propuxera o nome de Queizán para ocupar a vacante de Olga Gallego, historiadora falecida no outono pasado. A iniciativa conseguiu diversos e numerosos apoios nun momento que a Real Academia Galega se enfrontaba a unha renovación. O seu plenario acabou por ter tres vacantes a comezos de 2011 (a de Olga Gallego, a de Fernández Ferreiro e a de Río Barja) e o debate sobre a presenza feminina comezou a xerarse no país. Non obstante, en marzo, os académicos decidiron que o posto de Olga Gallego debería estar ocupado por Xosé Luís Regueira. A raíz desta decisión, xurdiu o manifesto do Xogo das Cadeiras.

No mes de maio, produciuse a elección para ocupar a praza de Fernández del Riego. O escollido foi un home. O escritor e membro do grupo do Brais Pinto Xosé Fernández Ferreiro foi escollido e a candidatura de Marilar Aleixandre quedou desbotada nun plenario tenso no que tamén se decidiu que as Letras Galegas do 2012 serían para homenaxear a Valentín Paz Andrade.

Só queda unha vacante para asignar: a de Río Barja. Proximamente a Academia terá que decidir quen será o seu substituto. Agás sorpresa máis que improbable, o home que ocupará o seu posto será o historiador Pegerto Saavedra. El é o único candidato ao ocupar o posto e o prazo para presentar candidaturas xa está máis que pechado. Cando se faga oficial a súa elección, a Real Academia reducirá nun ano a súa cota feminina. Se hai doce meses eran cinco as mulleres, a partir de agora tan só serán catro: Rosario Álvarez, Luz Pozo, Xohana Torres e Margarita Ledo Andión.

Publicado en Xornal de Galicia 15/09/2011.

Na categoría Reaccións! | Coas etiquetas | Comentarios desactivados

Carta de María Xosé Queizán ao Consello Municipal da Muller do Concello de Vigo

Queridas amigas e compañeiras feministas:

Recibín unha alegría cando souben que no Consello Municipal da Muller do Concello de Vigo me propuxerades para formar parte da Real Academia Galega. Dixen xa daquela que o voso recoñecemento era máis importante para min que o ingreso nesa alta Institución. Ademais, afanástevos para conseguir moitos apoios, comezando polo Concello da miña cidade, que tanto me gorentou, e outros Concellos, Asociacións e persoas galegas a quen lles debo recoñecemento. Estou en débeda con tod@s, e non podía defraudarvos. Pero, pasado un tempo, supoño que sodes conscientes do que eu xa o era: que non se ía producir tal ingreso. Porén pídovos a liberdade para expresarme e declarar os meus desexos.

Nunca quixen nin quero entrar na Academia. Cónstame que ante esta declaración haberá quen lembre a Fábula de Esopo: a raposa e as uvas. Non é o meu caso. Pero tampouco me importa que non o crean. Levo toda a vida soportando atribucións arteiras e menoscabos sen que iso afectase á miña saúde, o meu optimismo e o meu goce intelectual.

Non me vexo na Academia e tampouco teño tempo para esa ocupación. Son abondas xa as miñas ansias e preocupacións, entre as que están as literarias, as culturais e o activismo feminista.

Sei que as amigas e compañeiras feministas confiaban no labor que podía levar a cabo nesa Real Institución a favor das mulleres galegas, no eido lingüístico e cultural. Mais, o certo é que nese lugar só se pode entrar para traballar polos intereses dos académicos. Nesa Casa (onde por certo habitou a gran sabia e feminista Emilia Pardo Bazán, que, mesmo querendo, non conseguiu entrar na Academia; tampouco entrou Rosalía de Castro) predomina o imaxinario masculino. A teoría feminista, que comeza cun precursor no s. XVII, Poullain de la Barre, segue no s. XVIII con Olympe de Gouges e Mary Wollstonecraft, coa Vindicación dos dereitos da Muller, Condorcet, Benito Feixó, Martín Sarmiento, J. Stuart Mill, F. Engels, Augusto Bebel, Pierre Bordeaux ou o actual Carl Djerassi, por citar homes, e tantas filósofas, comezando por Simone de Beauvoir, Kate Millet, Clara Campoamor, M. Le Doeuff, até as milleiras que na actualidade como Celia Amorós ou Amelia Valcárcel, forman un rico corpus, é ignorada nese contexto. Os libros onde se amosa esa herdanza intelectual, non deben figurar nas bibliotecas nin nas mentes dos ilustres académicos.

Afirmo que non hai acritude nas palabras anteriores. Só constatacións. Mesmo se negan a Lei de Igualdade e a propia democracia, teño un vínculo coa Academia co que sempre me identificarei: a lingua galega. Ademais sei que os argumentos expostos non son ofensivos para os distinguidos académicos. Consideran que o saber é cousa de homes, no sentido máis específico do termo, e fixeron coas mulleres unha privación inicua… ignoro por qué dereito natural fundamental, de non ser o outro que a forza, segundo o Rousseau xuvenil.

Pretendín demostrarlle á cidadanía que me propuxo que a Academia será o último que cambie na sociedade. Aínda que vaian introducindo algunha muller a conta gotas coma quen regala unha flor.

Hoxe, día 14 de Setembro de 2011, no 1º Consello Municipal da Muller da nova lexislatura, pídovos a liberdade para declarar que non quero nin quererei entrar na Real Academia Galega, así como amosar a miña desculpa ante todas as institucións e persoas que me apoiaron.

Reitero as grazas e ofrezo a miña solidariedade e o afecto de sempre.

Carta enviada a O xogo das cadeiras por María Xosé Queizán. Publicouse previamente no blog Brétemas de Manuel Bragado.

Na categoría Mulleres! | Coas etiquetas | Comentarios desactivados

Máis que cadeiras, por María Reimóndez, Helena González, Inma López Silva e Dolores Vilavedra

cadeira s.f. 2. Asento individual con respaldo, provisto ou non de brazos. Dicionario da RAG

Dende a publicación do Manifesto “O Xogo das Cadeiras”, o debate sobre a entrada das mulleres na Real Academia semella ter tomado un novo pulo. Esta intervención no espazo público que facemos inicialmente algunhas mulleres e logo moitas outras persoas para reclamar un recoñecemento colectivo merecido semella coller de sorpresa a certos sectores, afeitos a que o estatus quo se manteña sen visibilidade das voces diverxentes. O debate en torno á presenza das mulleres na Academia non é novo nin casual mais se cadra é neste momento no que se fai máis visible. Os feitos falan por si mesmos: se cadra porque as cadeiras adoitan ter catro patas na Real Academia Galega semella abondar con ter catro académicas.

Este argumento das catro patas ten a mesma validez que moitos dos escoitados nos últimos tempos ante calquera crítica de xénero á institución (compararse con outras academias “peores”, dicir que  as nosas reivindicacións están ben para unha comunidade de veciños). Primeiro preséntase o debate como se saíse do baleiro, sen ter en conta todos os demais momentos históricos nos que as mulleres foron reclamando sen éxito ese espazo de representación do imaxinario que constitúe a Real Academia Galega. Pola contra, ás mesmas voces ben que lles deita a historia patriarcal para argumentar que ata o momento non houbera mulleres con valores suficientes para sentar nas cadeiras da Rúa Tabernas. Ben, habelas hóuboas, o que pasa é que primeiro hai que coñecelas. Isto en si mesmo vén apoiar indirectamente a necesidade de contar con historiadoras feministas entre as académicas. Sen ir moi lonxe foron moitas as mulleres, algunhas delas falecidas, outras aínda vivas, das mesmas xeracións que os académicos actuais, que acumularon méritos máis que suficientes para acceder a unha cadeira. Pode que o único que lles faltase fose o respaldo, porque na Academia, como en moitas outras instancias sociais, segue existindo un sistema de cotas de facto, que é o único que explica a perenne advertencia de a ver se van entrar mulleres “só por seren mulleres”, como se o noso xénero fose xa un demérito e sen admitir que os académicos entran maioritariamente nas academias “só por ser homes”. Este sistema de cotas de facto tamén provoca que ese asento individual o sexa só no caso dos homes, que se representan a si mesmos, mentres que as mulleres se espera que compitamos entre nós por unha leiriña na que unha debe de representar a un mínimo de dez.

Se ben as cadeiras poden ter brazos ou non, as compañeiras de xeración(s) dos nosos actuais académicos, na súa maioría virían provistas deles, pois moitas acumulan experiencia dende un lugar diferente, dende as necesarias loitas a prol dos dereitos das mulleres e na recuperación da palabra plural de nosa. De aí a importancia fundamental de que entren mulleres que rachen coa reprodución dos estereotipos. Eses brazos son moi diversos e para aqueles sectores que antepoñen a crítica dunha falta de pluralidade ideolóxica ou outra serie de eivas á de xénero nas súas críticas á Academia cómpre lembrarlles que en todas as correntes ideolóxicas hai mulleres para defender causas, ademais da do xénero propio.

E haberá quen pregunte, mais realmente pode un obxecto ser tan importante? Tanto ruído por unhas meras cadeiras? Pois abofé, porque cando as voces críticas das mulleres non están nos espazos onde se define a nación ou a lingua, os “pais da nación” seguen bebendo e producindo de forma acrítica unha retórica sexista e discriminatoria que nos exclúe ou converte ás mulleres en “mais” ou “obxectos”, entre outras cousas. Esa linguaxe ponnos ás mulleres nunha relación incómoda coa nación dado que esta se nos presenta como unha disxuntiva entre a igualdade de xénero e a nosa identidade como cidadás dun pobo que precisa loitar polos seus dereitos. Pode semellar unha cuestión teórica abstracta pero se houbese máis lingüístas feministas na Academia se cadra contariamos con estudos, e non só prexuízos, de por que as mulleres abandonan máis axiña o galego, da presión social e a conxunción nefasta de estereotipos lingüísticos (por exemplo que o galego é “bruto”) e de xénero (as mulleres non debemos ser “brutas”). Non en van as relacións entre o discurso da nación (patriarcal) e as situacións de vida das mulleres son un dos temas máis estudados por parte dos feminismos, sobre todo naqueles lugares onde houbo unha construción nacional a raíz dunha imposición doutra nación como durante a colonización ou en nacións sen estado. Cómpre unha nova linguaxe na que esas metáforas queden fóra e sexamos capaces de crear unhas novas. O acervo dos feminismos, representado nas distintas correntes e voces das cales por fortuna existen abondas en galego, debe estar presente na Academia. Porque a fin de contas é aí onde se decide parte do acervo imaxinario.

Hai por suposto moitos outros espazos de acción na rúa nos que unha non precisa cadeira, pode sentar no chan: nos fogares, nos partidos políticos, noutras institucións, pero a Academia é un lugar irrenunciable onde ir apousentar o coñecemento de cada unha. Na Academia fálase do que nos define como pobo, sobre todo tendo en conta o ligada que está a construción  nacional á lingua en Galicia, fronte a outros trazos antropoloxistas que serían moi negativos á hora da integración, por exemplo, de persoas doutros países ou de identidades diverxentes do discurso oficial. A lingua é sen dúbida o criterio identitario máis aberto dado que as linguas poden sempre aprenderse, un lugar de nacemento non.

Así que en definitiva, si, queremos cadeiras individuais, non catro que representen ao cincuenta por cento da humanidade, e con respaldo. Estamos aquí, collendo o debate nas nosas mans  porque  algún día nos  gustaría poderlle recoñecer á Academia o mesmo mérito en aspectos como a linguaxe non sexista ou a recuperación das mulleres na historia que moitas das asinantes iniciais do manifesto “O xogo das cadeiras” xa acumulan. Por iso lles solicitamos, señores académicos, que nos dean de inmediato as cadeiras. E non se preocupen que os brazos xa os traemos nós.

Publicado en Protexta. Revista de libros de Tempos Novos, 18 (verán 11): 28.


Na categoría Manifesto | Coas etiquetas , , , | Comentarios desactivados

Vídeos da pregunta parlamentaria de Ana Pontón e resposta de Marta González

Vídeos da pregunta parlamentaria formulada o 08/09/2011 por Ana Pontón, do BNG, á Secretaria Xeral de Igualdade, Marta González, sobre as actuacións que o goberno vai botar a andar para favorecer o incremento do número de mulleres na Academia Galega.

Pregunta de Ana Pontón.
Resposta de Marta González.
Réplica de Ana Pontón.
Resposta á réplica de Marta González.

Vídeos do Parlamento de Galicia.

Na categoría Reaccións! | Coas etiquetas , , | Comentarios desactivados

Cota feminina. A Xunta alenta á RAG a que eleve a proporción de mulleres, por Domingos Sampedro

Igualdade espera que dea froitos o diálogo aberto coa institución.

A proporción de mulleres na Real Academia Galega (RAG) é do 13,3 %, pois entre os seus trinta integrantes só hai catro mulleres: Luz Pozo Garza, Xohana Torres, Rosario Álvarez e a xornalista Margarita Ledo. Pero aínda que a cota é baixo, sobre todo se se compara co que rexe no ámbito político e administrativo, onde a lei obriga a reservar o 40 % dos postos para as mulleres, sitúase moi por encima da media das academias españolas, onde a proporción de mulleres é do 6,2 % de media.

En canto á Real Academia Española, con cinco mulleres sobre un total de 44 membros, o peso feminino é máis baixo que na institución galega, pois se sitúa no 11,3 %.

O manifesto titulado Ou xogo dás cadeiras, subscrito o pasado mes de abril por 52 artistas, escritoras e lingüistas que reclamaban máis peso para a muller na Real Academia Galega (RAG), podería empezar moi pronto a dar os seus froitos. Así o entende polo menos o Goberno autonómico, que a través da secretaria xeral de Igualdade, Marta González, manifestou onte que ten aberta unha vía de «diálogo» coa RAG, precisamente para favorecer a incorporación de mulleres á institución.

Marta González compareceu onte ante a comisión institucional do Parlamento galego para responder a unha iniciativa da viceportavoz do BNG, Ana Pontón, quen recolleu o malestar das intelectuais para criticar o «inxusto e innobre» que na súa opinión resulta a infrarepresentación feminina na RAG. A pesar de que Pontón puxo por diante o seu respecto á independencia da institución académica, matizando que non desexa provocar ningún tipo de inxerencia, apostou por introducir modificacións na normativa sobre igualdade de Galicia (basicamente a lei do 2004 e a do traballo en igualdade do 2007) co fin de establecer unhas proporcións mínimas para as mulleres e non esperar a que estas cheguen «por ciencia infusa».

A representante do Executivo galego limitouse a tomar nota da suxestión feita pola deputada nacionalista, non en balde a propia Lei de Igualdade do 2004 mandata á Xunta para fomentar «unha participación equilibrada dás mulleres e homes na toma de decisións». É máis, a propia secretaria xa avanzara previamente o seu propósito de valorar «a posibilidade de tomar medidas para favorecer a incorporación de mulleres» na RAG, aínda que tamén matizou que o diálogo que nestes momentos mantén coa institución é «cordial» e leva a cabo «dende ou respecto á independencia» da Academia.

Cambios normativos

Pero máis que un cambio normativo nas leis autonómicas, Marta González suxeriu onte outra vía para resolver esta cuestión. Fíxoo de xeito implícito, ao manifestar que algo se está movendo» no ámbito da representación de sexos nas institucións, e puxo como exemplo o ocorrido na Academia de Historia, que renovou os seus estatutos por primeira vez desde 1856 para incrementar precisamente o número de mulleres, senda que tamén seguiu a Real Academia das Ciencias Morales e Políticas. A secretaria xeral mostrouse onte confiada de que o diálogo coa RAG tamén dará «froitos non futuro».

Pero con renovación normativa ou sen ela, o certo é que ás portas da RAG xa están a petar mulleres. A que máis: a escritora María Xosé Queizán, un nome promovido polo Consello Municipal da Muller de Vigo, cun total de 365 adhesións.

Nova publicada na edición galega de La Voz de Galicia 09/09/2011

Na categoría Reaccións! | Coas etiquetas , , , | Comentarios desactivados

O froito do «Xogo das cadeiras», por Malleiras Insurxentes

No pleno da Real Academia Galega hai 30 cadeiras e só catro delas estan ocupadas por mulleres. Xa se sabe que as mulleres arrastramos o lastre da discriminación en materia educativa ―até hai relativamente pouco tempo as familias priorizaban a formación dos fillos en detrimento da das fillas― e iso pode explicar hasta certo punto que neste tipo de instucións as mulleres estean en minoría.

Hai algúns meses incorporáronse ao pleno da Real Academia Galega catro novos membros. Considerando a cantidade de longas traxectorias femininas de primeria fila que se atopan a día de hoxe en ámbitos culturais galegos (autoras, filolólogas, catedráticas, ensaístas…) era de esperar que algunha muller, alomenos unha, fose elexida para ocupar un deses asentos . Inexplicablememte non foi así. Isto causou un lóxico malestar entre as intelectuais do país. Un grupo delas uníuse pcoa finalidade de redactar un manifesto que titularon “O xogo das cadeiras” para expresar o seu desacordo e indignación. O asunto tivo a súa repercusión mediática, pero os académicos fixerónse os cegos e os sordos ao que parecía querar nunha mera execución do dereito a patexar.

Hoxe é unha ledicía ler que a secretaria de Igualdade, Marta González, está a interceder na RAG para que se evite esta discriminación inxusta e mesmo fala de “medidas a tomar”. Unha parlamentaria do BNG foi a primeira que propuxo medidas lexislativas para evitar estas situaciós e fixoo precisamente grazas como reposta ás demandas das intelectuais indignadas. Ou sexa, que o manifesto deu o seu froito (mesmo cun Goberno do PP).

Publicado no blog Malleiras insurxentes 08/09/2011

Na categoría Reaccións! | Coas etiquetas , | Comentarios desactivados

Igualdade negocia favorecer a presenza de mulleres na RAG

O BNG pide cambios lexislativos para «establecer representación» na academia.

A secretaria xeral de Igualdade, Marta González, revelou este xoves que abriu «diálogo» coa Real Academia Galega (RAG) para favorecer a incorporación das mulleres no seo desta institución e avanzou que «toma nota» da «suxestión» de expor «posibles medidas a tomar» en relación a esta problemática.

A proposta de iniciar medidas lexislativas realizouna a parlamentaria do BNG Ana Pontón na Comisión Institucional nun debate no que recolleu o malestar das autoras galegas na renovación dos académicos, o que propiciou o coñecido manifesto ‘O xogo dás cadeiras’.

Así, a nacionalista apostou por introducir modificacións na Lei de Igualdade da Xunta na que se estableza unha representación de mulleres», para que non haxa que esperar a que ocorra «por ciencia infusa», xa que a elección de novos membros faise a proposta dos existentes, non por candidatura externa.

«Tomo nota das suxestións en relación a posibles medidas a tomar nese proceso de diálogo coa Real Academia Galega en relación a esta problemática», recolleu a luva Marta González, quen previamente xa había explicitado o «propósito» de «analizar os cambios e tomar en consideración a posibilidade de tomar medidas para favorecer a incorporación de mulleres».

Durante a súa exposición, a secretaria xeral de Igualdade indicou que a comunicación coa academia realízase de forma «cordial e fluída», así como «desde o máis estrito respecto á independencia e soberanía» da RAG, na que actualmente só hai catro mulleres: Luz Pozo, Xohana Torres, Rosario Álvarez e Margarita Ledo.

O 13,3 POR CENTO

A este respecto, a alto cargo da Xunta sinalou que a presenza de mulleres supón un 13,3 por cento dos 30 postos existentes, o cal sitúase por encima da media das demais academias do resto do Estado, que é do 6,2 por cento.

Sobre este extremo, Ana Pontón advertiu de que non debe servir de «xustificación» a «infrarrepresentación» aludida pola secretaria xeral, e argumentou que, precisamente, obriga a conquistar «avances reais» para as mulleres.

Ao fío, sinalou que as cotas «permiten incrementar a presenza de mulleres» nun determinado momento, pero tamén considerou que «deben ser medidas temporais para ir corrixindo» as situacións.

Marta González fixo fincapé en que hai casos recentes de academias, como a de Historia e a de Ciencias Morais e Políticas e a de Medicamento, que demostran que algo se está movendo». Referiuse, neste sentido, a que todas elas fixeron «modificacións» no seu regulamento interno dirixidas a buscar maior presenza de mulleres.

Así as cousas, a secretaria xeral de Igualdade mostrouse confiada en que a liña de diálogo aberta coa institución académica galega «terá froitos no seu futuro».

Publicado en Xornal de Galicia 08/09/2011

Na categoría Reaccións! | Coas etiquetas , , , | Comentarios desactivados

O BNG empraza a Igualdade a introducir cambios lexislativos que garantan a presenza equilibrada das mulleres na RAG

Pontón advirte que a interlocución e o diálogo coa entidade está ben pero son necesarias medidas máis eficaces.

A deputada do G.P Ana Pontón emprazou hoxe á Secretaria Xeral de Igualdade a que se introduzan os mecanismos necesarios na Lei galega de Igualdade para regular a representación nas Academias e garantir a presenza equilibrada de mulleres nas mesmas, a través dunha política de cuotas que equilibre de forma progresiva esa presenza.

Ana Pontón fixo esta proposta durante o debate en Comisión dunha pregunta do BNG sobre a composición actual da Real Academia Galega, pois malia a oportunidade que supuxo a renovación de catro cadeiras para mellorar a porcentaxe de mulleres académicas, a realidade foi que incluso se involucionou e se antes dos 30 membros 5 eran mulleres agora son incluso unha menos.

A deputada nacionalista valorou a resposta da secretaria xeral, que informou de que está aberto un proceso de diálogo coa RAG que pronto dará froitos, mais advertiu que as accións a adoptar deben ser máis eficaces e para iso co diálogo e a interlocución non chega, hai que introducir cambios a través da Lei e non depender unicamente da “vontade” da dirección da RAG.

A parlamentar coincidiu coa secretaria xeral en que a discriminación neste ámbito é extensíbel a outras Academias mais “a existencia xeneralizada de discriminacións ―dixo― nunca pode xustificar a situación que se dá na actualidade no caso galego”.

Ana Pontón lembrou que esta presenza “cativa” e “anémica” das mulleres na RAG está moi alonxada da realidade do mundo intelectual e cultural galego, polo que un colectivo destas mulleres asinou un manifesto, coñecido como o Xogo das Cadeiras, para demandar que se mude esta situación, mais co resultado paradoxal xa coñecido de camiñar para atrás e que na renovación das vacantes finalmente non foran tidas en conta

A deputada do BNG fixo súas algunhas das palabras do manifesto e asegurou que “resulta indigno mesmo ter que sequera argumentar o inxusto e innobre desta situación. Nestas alturas da nosa historia non abondan as cadeiras todas da Rúa Tabernas para dar acubillo ás mulleres de tantas xeracións que teñen méritos máis que sobrados para ocupar os seus postos”.

Para a parlamentar, é aberrante que haxa demanda de avanzar e a Academia se sitúe na dirección contraria, non obstante reiterou que detrás desta denuncia non hai un cuestionamento da institución, “respectamos a Academia e temos colaborado para superar situacións que inviabilizan o seu traballlo pero hai unha lexislación que a RAG ten que respectar e ten que ser máis sensible ás demandas da sociedade”.

Asemade, recordou o papel que o actual marco legal lle outorga á Xunta para velar para que non se produzan situacións de discriminación e por iso pide que actúe na medida na que ten competencias e capacidade.

Nota de prensa do grupo parlamentario do BNG 08/09/2011

Na categoría Reaccións! | Coas etiquetas , , , | Comentarios desactivados

Igualdade inicia contactos coa RAG para favorecer unha maior participación feminina na entidade

Na súa comparecencia na Comisión 1ª do Parlamento, a secretaria xeral cualificou de escasa a presenza feminina na RAG, que é do 13,3%, pero tamén destacou que é superior á media das academias estatais, situada nun 6,2%.

A Secretaría Xeral da Igualdade está a manter contactos coa Presidencia da Real Academia Galega, RAG, orientados a tomar en consideración a incorporación de medidas que favorezan unha maior participación das mulleres no seu seo, segundo anunciou esta mañá a titular de Igualdade, Marta González, na súa comparecencia na Comisión 1ª do Parlamento en resposta a unha pregunta do Grupo Parlamentario do BNG.

Esta liña de comunicación «cordial e fluída» e aberta «desde o máis estricto respecto á independencia e soberanía da Academia nos seus asuntos internos», segundo indicou a secretaria xeral, pretende mellorar a actual situación caracterizada por un escaso número de mulleres que, de xeito circunstancial, se ten reducido de cinco a catro nos últimos anos, Luz Pozo, Xohana Torres, Rosario Alvarez e Margarita Ledo.

Con todo, destacou que as catro mulleres do total de 30 membros da Real Academia Galega representan unha participación do 13,3%, que duplica o 6,2% de media da presenza feminina nas academias estatais. No seu conxunto, a infrarrepresentación feminina é común nas oito academias estatais, entre as que a Real Academia de Farmacia lidera a presenza de mulleres cunha porcentaxe do 17%.

A titular de Igualdade repasou na súa comparecencia os pasos recentes dados por algunhas institucións académicas que amosan un progresivo posicionamento nesta dirección, iniciado en 2009 pola Real Academia de la Historia e seguido en 2011 pola Real Academia de Ciencias Morales y Políticas e pola Real Academia de Medicina. Todas elas modificaron os seus estatutos, incluíndo unha disposición adicional que remite a «modificacións no regulamento interno para procurar a inclusión de medidas dirixidas a promover unha maior presenza de mulleres tanto nos órganos de goberno como na comunidade académica». Outras academias, sen cambiar os seus estatutos, deron tamén mostra desta tendencia incorporando a mulleres no proceso para cubrir as últimas vacantes producidas.

Estes casos recentes evidencian «que algo se está movendo e as academias van corrixindo unha situación que asumen como desequilibrada». A Secretaría Xeral da Igualdade considera, en palabras da súa titular, que a incorporación dun maior número de mulleres a todos os ámbitos da vida política, social, económica e cultural «é un proceso imparable, tanto por unha cuestión ideolóxica ―a incorporación do principio de igualdade como unha premisa básica do noso sistema democrático― como polo papel cada vez máis importante que as mulleres están a acadar na nosa sociedade, e a súa relevancia desde o punto de vista profesional e científico».

Baixo o criterio de respecto á autonomía da RAG como institución independente da Xunta e tendo en consideración a dificultade que supón o sistema vitalicio de pertenza e o proceso de elección dos seus membros, Marta González rematou convencida de que «a liña de comunicación cordial e fluída que ven de iniciarse terá resultados no menor prazo posible».

Nota de prensa da Secretaría Xeral da Igualdade da Xunta de Galicia 08/09/2011

Na categoría Reaccións! | Coas etiquetas , | Comentarios desactivados