O BNG levará a sede parlamentaria o debate ao redor da presenza feminina na Real Academia Galega. A deputada Ana Pontón preguntaralle hoxe na Comisión 1ª Institucional, de Administración Xeral, Xustiza e Interior á secretaria xeral de Igualdade, Marta González, pola as actuacións que ten previsto desenvolver a Xunta para promover a presenza equilibrada de mulleres no ámbito da institución presidida por Xosé Luís Méndez Ferrín. Nese senso, o BNG pediralle á Secretaría Xeral de Igualdade unha valoración sobre o nivel de participación das mulleres na RAG e que adiante se vai realizar algunha xestión coa Academia á fin de acadar un “avance significativo” neste ámbito.
A documentación que Pontón levará ao Parlamento faise eco d’O xogo das cadeiras, un manifesto “asinado por mulleres representativas da cultura e a sociedade galega” no que se reclama “unha aposta real” da Academia para rachar coa súa “desigual e discriminatoria” composición actual. O BNG asegura que, con esta iniciativa, non pretende “provocar unha inxerencia na necesaria independencia da RAG”, pero lembra a existencia dun “corpus legal” que prohibe a discriminación de xénero.
Con esta iniciativa, o debate sobre a presencia feminina na Academia entrará no Parlamento despois de que o proceso de renovación da institución da Rúa Tabernas rematase cun menor número de mulleres no seu plenario, xa que tres vacantes xa foron designada a homes e unha cuarta, á espera de votación, será ocupada por outro varón.
