Partir cadeiras ou partillalas con elas?, por Helena González Fernández

O xogo das cadeiras e a Academia Galega, de novo? O debate non se pechou, nin sequera cando en 2011 a rúa Tabernas designou novos académicos (masculino plural) e ocupou todas as cadeiras dispoñíbeis para aquel baile. Só quedou en pausa. Agora hai unha cadeira vacante e, ben o saben, toca cumprir co rito anual das Letras Galegas, que empeza coa elección do nome. Ou é do home? Así que o debate volve á actualidade.

A demanda sobre as mulleres e a Academia activouse e quedou en pausa varias veces desde os anos 80, cando se pediron as Letras Galegas para Francisca Herrera Garrido. Por certo, Letras Galegas 2013 para Rosalía de Castro, por que non? Desde entón cumpriron moitas negociacións e esforzadas complicidades para conseguir o nomeamento dunha académica por aquí e a homenaxe das Letras para unha escritora por acolá. Todo había que facelo con moito tento porque a Academia sempre di que é pouco receptiva ás propostas externas. Mais a estas alturas son tantas as pausas, é tan avultada a memoria de derrotas, que ben se podía abrir campaña para que nomeen académico ao Guanito, o barbeiro-escritor do que falaba Rosalía en “Las literatas”, a ver se pedindo o absurdo chegamos antes.

Nos últimos meses houbo ocasións para coleccionar opinións sobre o tema. Cadrando co seu ingreso na Academia Española, Carme Riera, que é feminista, declarou que ela non cría no sistema de cotas como xustificación do acceso das mulleres ás institucións. Se por cumprir coa cota se entende unha minusvaloración do recoñecemento e non unha elección merecida que ademais corrixe unha desigualdade estrutural, enténdese ben que non queira entrar por esa vía. Engade, porén, que a ausencia de mulleres nas institucións de prestixio é un problema social que reflicte a condición da muller no mundo de hoxe. Outras opinións teñen, pola contra, unha mirada positiva e mesmo esperanzada sobre a mesma realidade. Por unha banda, o novo académico da galega, Xosé Luís Regueira, na súa interesante entrevista con Alberto Ramos para Dioivo, e María Teresa Miras, presidenta da Academia de Farmacia española, por outra, cadran en que a diferenza de oportunidades vai ter solución dunha maneira natural. Ao seu ver o relevo xeracional implicará necesariamente unha maior presenza das mulleres só porque elas xa están aí. “A diferenza cúraa o tempo”, dixo Miras. Iso sería así se non fose porque o teito de vidro corrixe ese suposto devir. Por riba, non podemos avaliar aínda como van afectar estes tempos nosos de corrección misóxina, disimulada cos veos da crise, á incorporación das mulleres novas á vida pública.

As corporacións académicas non se conforman como o retrato dun tempo determinado nin se gobernan por sistemas de elección universal. Réxense pola cooptación. Daquela son as propias corporacións quen negocian, pactan e resolven quen pode entrar, cos seus criterios, cos seus plans de actuación, coa súa correlación de forzas, baixo a súa responsabilidade. A Academia Galega, o Consello da Cultura e esoutras institucións que representan o máis escolmadiño da tribo nestes tempos de neboeiro, perden en valor simbólico e en valor efectivo se, en lugar de incorporaren mulleres, prefiren afirmarse na clonación de perfís.

Hai dous meses asistín a un acto académico moi formal na sala nobre dunha universidade do norte de Europa. Un dos sabios catedráticos que interviña non daba entendido a relevancia de analizar desde a perspectiva de xénero un corpus literario determinado. Estaba tan incómodo, e incomodado, remexíase con tanto nervio, que a cadeira na que estaba sentado partiu e case bate cos fociños… digo, co corpo, no chan. Que prefiren as nosas institucións: remexerse incómodas a risco de partir as cadeiras e bater coa corporación no chan, ou partillalas dándolles acceso a elas, en plural? (xogodascadeiras.blogaliza.org).

Publicado en Sermos Galiza 28/05/2012

Esta entrada foi publicada en Reaccións! e etiquetada , , , , , , . Garda a ligazón permanente.