O xogo das cadeiras http://xogodascadeiras.blogaliza.org Manifesto pola entrada das mulleres na Academia Galega Wed, 30 May 2012 05:31:37 +0000 gl-ES hourly 1 https://wordpress.org/?v=4.7.1 Partir cadeiras ou partillalas con elas?, por Helena González Fernández http://xogodascadeiras.blogaliza.org/2012/05/29/821/ Tue, 29 May 2012 05:11:55 +0000 http://xogodascadeiras.blogaliza.org/?p=821 Sigue lendo ]]>

O xogo das cadeiras e a Academia Galega, de novo? O debate non se pechou, nin sequera cando en 2011 a rúa Tabernas designou novos académicos (masculino plural) e ocupou todas as cadeiras dispoñíbeis para aquel baile. Só quedou en pausa. Agora hai unha cadeira vacante e, ben o saben, toca cumprir co rito anual das Letras Galegas, que empeza coa elección do nome. Ou é do home? Así que o debate volve á actualidade.

A demanda sobre as mulleres e a Academia activouse e quedou en pausa varias veces desde os anos 80, cando se pediron as Letras Galegas para Francisca Herrera Garrido. Por certo, Letras Galegas 2013 para Rosalía de Castro, por que non? Desde entón cumpriron moitas negociacións e esforzadas complicidades para conseguir o nomeamento dunha académica por aquí e a homenaxe das Letras para unha escritora por acolá. Todo había que facelo con moito tento porque a Academia sempre di que é pouco receptiva ás propostas externas. Mais a estas alturas son tantas as pausas, é tan avultada a memoria de derrotas, que ben se podía abrir campaña para que nomeen académico ao Guanito, o barbeiro-escritor do que falaba Rosalía en “Las literatas”, a ver se pedindo o absurdo chegamos antes.

Nos últimos meses houbo ocasións para coleccionar opinións sobre o tema. Cadrando co seu ingreso na Academia Española, Carme Riera, que é feminista, declarou que ela non cría no sistema de cotas como xustificación do acceso das mulleres ás institucións. Se por cumprir coa cota se entende unha minusvaloración do recoñecemento e non unha elección merecida que ademais corrixe unha desigualdade estrutural, enténdese ben que non queira entrar por esa vía. Engade, porén, que a ausencia de mulleres nas institucións de prestixio é un problema social que reflicte a condición da muller no mundo de hoxe. Outras opinións teñen, pola contra, unha mirada positiva e mesmo esperanzada sobre a mesma realidade. Por unha banda, o novo académico da galega, Xosé Luís Regueira, na súa interesante entrevista con Alberto Ramos para Dioivo, e María Teresa Miras, presidenta da Academia de Farmacia española, por outra, cadran en que a diferenza de oportunidades vai ter solución dunha maneira natural. Ao seu ver o relevo xeracional implicará necesariamente unha maior presenza das mulleres só porque elas xa están aí. “A diferenza cúraa o tempo”, dixo Miras. Iso sería así se non fose porque o teito de vidro corrixe ese suposto devir. Por riba, non podemos avaliar aínda como van afectar estes tempos nosos de corrección misóxina, disimulada cos veos da crise, á incorporación das mulleres novas á vida pública.

As corporacións académicas non se conforman como o retrato dun tempo determinado nin se gobernan por sistemas de elección universal. Réxense pola cooptación. Daquela son as propias corporacións quen negocian, pactan e resolven quen pode entrar, cos seus criterios, cos seus plans de actuación, coa súa correlación de forzas, baixo a súa responsabilidade. A Academia Galega, o Consello da Cultura e esoutras institucións que representan o máis escolmadiño da tribo nestes tempos de neboeiro, perden en valor simbólico e en valor efectivo se, en lugar de incorporaren mulleres, prefiren afirmarse na clonación de perfís.

Hai dous meses asistín a un acto académico moi formal na sala nobre dunha universidade do norte de Europa. Un dos sabios catedráticos que interviña non daba entendido a relevancia de analizar desde a perspectiva de xénero un corpus literario determinado. Estaba tan incómodo, e incomodado, remexíase con tanto nervio, que a cadeira na que estaba sentado partiu e case bate cos fociños… digo, co corpo, no chan. Que prefiren as nosas institucións: remexerse incómodas a risco de partir as cadeiras e bater coa corporación no chan, ou partillalas dándolles acceso a elas, en plural? (xogodascadeiras.blogaliza.org).

Publicado en Sermos Galiza 28/05/2012

]]>
Cara a un novo Ano Rosalía, por Dolores Vilavedra http://xogodascadeiras.blogaliza.org/2012/05/16/cara-a-un-novo-ano-rosalia-por-dolores-vilavedra/ Wed, 16 May 2012 09:00:07 +0000 http://xogodascadeiras.blogaliza.org/?p=802 Sigue lendo ]]>

[…] Rosalía outra volta. Petando xa nas portas, un 2013 no que celebraremos o medio século do Día das Letras e os 150 anos da publicación de Cantares gallegos. Un momento ideal para revisitarmos a figura de Rosalía de Castro, revitalizada na última década grazas, por unha banda, ás novas achegas que se teñen producido no eido da investigación académica e, por outra, ao intenso labor desenvolto pola Fundación rosaliana baixo a presidencia de Helena Villar Janeiro, ao tempo que se puñan as bases do que debe ser unha institución do século XXI, chamada a xestionar o legado literario e simbólico da nosa escritora fundacional. Todo sen esquecer a atinada e desenfadada difusión da figura rosaliana levada a cabo polo Goberno bipartito. Se cadra, os tempos son chegados de dedicarlle outra volta a Rosalía o Día das Letras. A Academia faría así un xesto de recoñecemento ao papel secular desempeñado polas mulleres na cultura galega, un recoñecemento que polo de agora parece relear, como no seu día puxo en evidencia o blog O xogo das cadeiras con notable adhesión cívica. Oxalá a Academia non ignore as novas ocasións que teña para dar pasos nesa dirección.

Publicado en El País, edición Galicia 16/05/2012

]]>
Volver a Rosalía de Castro, por Inma López Silva http://xogodascadeiras.blogaliza.org/2012/03/02/volver-a-rosalia-de-castro/ Fri, 02 Mar 2012 09:00:51 +0000 http://xogodascadeiras.blogaliza.org/?p=805 Sigue lendo ]]>
Nun mundo no que os xenios non morresen, Rosalía de Castro tería feito 175 anos o pasado 24 de febreiro. Escribiría un poema sobre a morte de Murguía, un ensaio sobre o voto feminino na República e probablemente se tería exiliado no 36. Imaxínoa así. En Francia, lendo os poetas románticos sentada nun café, contando versos das elexías aos amigos e dando consellos ás futuras escritoras. Malviviría de colaborar nos xornais progres e dar clases de escritura creativa, ata o día en que todo pasase e puidese volver. Daquela, o Goberno poríalle un piso con vistas á catedral e regalaríalle unha rosa diaria. E ninguén ousaría xamais chamarlle Santiña.

Pero os xenios morren e o tempo esquece. O 175 aniversario de Rosalía non derivou en grandes fastos, un congreso, ou a dedicatoria dunha rúa na Cidade da Cultura. Só activistas con memoria lle fixeron xustiza alí onde puideron. A cousa ás veces vai así cos clásicos: acaban semellando inútiles nos tempos do smartphone, e deixámolos ir sen comprobar que, se Rosalía vivise, probabelmente hoxe estaría en feisbú.

Nun mundo no que os xenios morren, cómpre lembrar estas cousas. ¿Cando deixou de ser guai Rosalía? E se ousamos facela actual, ¿por que non volver a ela no 17 de maio de 2013, xustos 150 anos despois da publicación de Cantares gallegos? Amigos da Academia: a única vez que se homenaxeou a Rosalía, Franco aínda falaba ben e os meus pais ¡nin sequera casaran! ¿Repararon en que Rosalía nunca tivo a oportunidade de que os nenos fagan un mural cos seus escritos feministas polas Letras Galegas? Non hai nada que o impida, por iso o escribo. Pódese facer un mundo no que os xenios non morren.

Publicado en La Voz de Galicia 02/03/2012

]]>
Reales Academias de las Lenguas en números http://xogodascadeiras.blogaliza.org/2012/01/07/reales-academias-de-las-lenguas-en-numeros/ Sat, 07 Jan 2012 09:00:07 +0000 http://xogodascadeiras.blogaliza.org/?p=810 Sigue lendo ]]>
Aunque somos más de letras, no cabe duda de que de vez en cuando (y sólo de vez en cuando, no os vayáis a pensar) los números permiten poner algunos hechos en claro. Hechos como el que denunció el manifiesto “O xogo das cadeiras” (en abril de 2011), que ante las cifras paupérrimas de académicas frente a la de académicos en la Academia Galega (a día de hoy, 07-01-2012, 4 académicas numerarias frente a 22 académicos, ninguna de las cuales forma parte de la mesa presidencial) reivindica una mayor presencia de las mujeres en dicha institución.

Abierta nuestra curiosidad ante dicho manifiesto, nos hemos convertido por un día en las profesoras maleducadas que pasan lista a la clase de académicos de número de la Real Academia Española (por cierto, el primero de la lista es el flamante recién premiado Álvaro Pombo; ya hemos hablado de premios en otra entrada, pero volveremos sobre ello). ¿Cómo estará ahí la situación? ¿Podéis imaginarlo? ¡Hagan sus apuestas, damas y caballeros!

Publicado no blog Maleducadas 07/01/2012

]]>
Tempo de devalar, por Dolores Vilavedra http://xogodascadeiras.blogaliza.org/2011/10/28/tempo-de-devalar-por-dolores-vilavedra/ Fri, 28 Oct 2011 09:00:23 +0000 http://xogodascadeiras.blogaliza.org/?p=816 Sigue lendo ]]> […] Rosalía é inesgotable; tanto, que non sería mala idea dedicarlle outra volta o Día das Letras Galegas 2013. Lembren que se cumpren 150 anos da publicación dos seus Cantares e da institucionalización do Día das Letras Galegas. E, postos a recoñecer o carácter de efeméride que o 17 de maio ten, explotémolo en toda a súa dimensión. Velaquí vai a idea, para quen a queira recoller. Paga a pena reler Rosalía cunha ollada do século XXI, paga a pena presentárllela ás novas xeracións, paga a pena exportala: Rosalía de Castro, Día das Letras Galegas 2013. […]

Publicado en El País, edición Galicia 28/10/2011

]]>
¿Claudicar?, por Inma López Silva http://xogodascadeiras.blogaliza.org/2011/09/23/%c2%bfclaudicar-por-inma-lopez-silva/ Fri, 23 Sep 2011 08:01:34 +0000 http://xogodascadeiras.blogaliza.org/?p=796 Sigue lendo ]]>

O 14 de setembro, a escritora e filósofa María Xosé Queizán enviou unha carta ao Consello da Muller de Vigo na que pedía «a liberdade para declarar que non quero nin quererei entrar na Academia». Xunto con numerosas adhesións, o Consello presentara a súa candidatura para formar parte da Real Academia Galega, institución que, como é sabido, acusa unha amplísima maioría masculina pouco coherente cunha sociedade galega na que a cada paso hai máis mulleres ocupando espazos de responsabilidade intelectual, creativa e ideolóxica. Queizán non se pronunciara nin sobre o seu rexeitamento nin sobre o debate arredor das últimas incorporacións á RAG, situándose elegantemente á marxe dun sismo con epicentro no seu nome, polo seu valor simbólico, polo seu activismo feminista, e, sobre todo, por ser a candidata máis pública grazas á simpatía popular xerada pola iniciativa do Consello da Muller.

¿Pero que implica esta renuncia? ¿É, como din, claudicar? Non creo. Coa súa carta pública, pon o dedo na ferida desta sociedade na que moita progresía peca de machista por omisión. Ela négase a que a súa presenza na Academia poida considerarse unha concesión en lugar do que é, un dereito adquirido a conta da súa intelixencia, coma calquera dos que alí figuran. Rexeitando contribuír á continuidade dunha institución de fórmulas retrógradas, sitúa o debate na idea de que as mulleres non deben acceder á RAG, «coma quen regala unha flor». Así converteu en fermosa a máxima de que non somos floreiros. E por suposto que non claudicamos.

Publicado en La Voz de Galicia 23/09/2011

]]>
Queizán: “Os académicos da RAG cren que o saber é cousa de homes” http://xogodascadeiras.blogaliza.org/2011/09/16/queizan-os-academicos-da-rag-cren-que-o-saber-e-cousa-de-homes/ Fri, 16 Sep 2011 09:04:06 +0000 http://xogodascadeiras.blogaliza.org/?p=787 Sigue lendo ]]>

María Xosé Queizán. Foto/ OLALLA LOJO

A escritora envía unha carta de agradecemento ao Consello da Muller de Vigo na que di que “nunca” quixo formar parte da institución presidida por Ferrín.

“Os académicos consideraron que o saber é cousa de homes. A Academia será o último que cambie na sociedade. Aínda que vaian introducindo algunha muller a conta gotas coma quen regala unha flor”. Esa é unha das mensaxes que lanza a escritora María Xosé Queizán a través dunha carta que onte enviou ao Consello da Muller de Vigo e que hoxe reproduce na súa totalidade Manuel Bragado no seu blog Brétemas. Nesa carta, a autora de Amor de tango afirma que non estaba entre os seus desexos entrar na institución presidida por Méndez Ferrín. “Non quero nin quererei entrar na Real Academia Galega. Non me vexo na Academia e tampouco teño tempo para esa ocupación. Son abondas xa as miñas ansias e preocupacións, entre as que están as literarias, as culturais e o activismo feminista”.

Queizán, ademais, emprega esta carta para amosar “a súa alegría” por que o Consello Municipal da Muller do Concello de Vigo presentase a iniciativa para que a escritora formase parte da Academia. “Dixen daquela que o voso recoñecemento era máis imporante para min que o ingreso nesa alta institución. Sei que as amigas e compañeiras feministas confiaban no labor que podía levar a cabo nesa Real Institución a favor das mulleres galegas, no eido lingüístico e cultural”, explica na misiva.

“SEN ACRITUDE”

Na carta, María Xosé Queizán insiste en que nas súas palabras cara a Academia non hai ningún tipo de “acritude” e que os seus argumentos “non son ofesivos para os señores académicos”. Non obstante, a súa carta si que conten críticas cara ao funcionamento da institución da Rúa Tabernas. “É certo é que nese lugar só se pode entrar para traballar polos intereses dos académicos. Nesa Casa, (onde por certo habitou a gran sabia e feminista Emilia Pardo Bazán, que, mesmo querendo, non conseguiu entrar na Academia. Tampouco entrou Rosalía de Castro) predomina o imaxinario masculino. A teoría feminista, que comeza cun precursor no s.XVII, Poullain de la Barre, segue no s.XVIII con Olympe de Gouges e Mary Wollstonecraft. coa Vindicación dos dereitos da Muller, Condorcet, Benito Feixó, Martín Sarmiento, J. Stuart Mill, F. Engels, Augusto Bebel, Pierre Bordeaux ou o actual Carl Djerassi, por citar homes, e tantas filósofas, comezando por Simone de Beauvoir, Kate Millet, Clara Campoamor, M. Le Doeuff. até as milleiras que na actualidade como Celia Amorós ou Amelia Valcárcel, forman un rico corpus, é ignorada nese contexto. Os libros onde se amosa esa herdanza intelectual, non deben figurar nas bibliotecas nin nas mentes dos ilustres académicos”, lamenta.

CON MENOS MULLERES NA ACADEMIA

O Consello Municipal da Muller de Vigo propuxera o nome de Queizán para ocupar a vacante de Olga Gallego, historiadora falecida no outono pasado. A iniciativa conseguiu diversos e numerosos apoios nun momento que a Real Academia Galega se enfrontaba a unha renovación. O seu plenario acabou por ter tres vacantes a comezos de 2011 (a de Olga Gallego, a de Fernández Ferreiro e a de Río Barja) e o debate sobre a presenza feminina comezou a xerarse no país. Non obstante, en marzo, os académicos decidiron que o posto de Olga Gallego debería estar ocupado por Xosé Luís Regueira. A raíz desta decisión, xurdiu o manifesto do Xogo das Cadeiras.

No mes de maio, produciuse a elección para ocupar a praza de Fernández del Riego. O escollido foi un home. O escritor e membro do grupo do Brais Pinto Xosé Fernández Ferreiro foi escollido e a candidatura de Marilar Aleixandre quedou desbotada nun plenario tenso no que tamén se decidiu que as Letras Galegas do 2012 serían para homenaxear a Valentín Paz Andrade.

Só queda unha vacante para asignar: a de Río Barja. Proximamente a Academia terá que decidir quen será o seu substituto. Agás sorpresa máis que improbable, o home que ocupará o seu posto será o historiador Pegerto Saavedra. El é o único candidato ao ocupar o posto e o prazo para presentar candidaturas xa está máis que pechado. Cando se faga oficial a súa elección, a Real Academia reducirá nun ano a súa cota feminina. Se hai doce meses eran cinco as mulleres, a partir de agora tan só serán catro: Rosario Álvarez, Luz Pozo, Xohana Torres e Margarita Ledo Andión.

Publicado en Xornal de Galicia 15/09/2011.

]]>
Carta de María Xosé Queizán ao Consello Municipal da Muller do Concello de Vigo http://xogodascadeiras.blogaliza.org/2011/09/16/carta-de-maria-xose-queizan-ao-consello-municipal-da-muller-do-concello-de-vigo/ Fri, 16 Sep 2011 08:56:48 +0000 http://xogodascadeiras.blogaliza.org/?p=783 Sigue lendo ]]>

Queridas amigas e compañeiras feministas:

Recibín unha alegría cando souben que no Consello Municipal da Muller do Concello de Vigo me propuxerades para formar parte da Real Academia Galega. Dixen xa daquela que o voso recoñecemento era máis importante para min que o ingreso nesa alta Institución. Ademais, afanástevos para conseguir moitos apoios, comezando polo Concello da miña cidade, que tanto me gorentou, e outros Concellos, Asociacións e persoas galegas a quen lles debo recoñecemento. Estou en débeda con tod@s, e non podía defraudarvos. Pero, pasado un tempo, supoño que sodes conscientes do que eu xa o era: que non se ía producir tal ingreso. Porén pídovos a liberdade para expresarme e declarar os meus desexos.

Nunca quixen nin quero entrar na Academia. Cónstame que ante esta declaración haberá quen lembre a Fábula de Esopo: a raposa e as uvas. Non é o meu caso. Pero tampouco me importa que non o crean. Levo toda a vida soportando atribucións arteiras e menoscabos sen que iso afectase á miña saúde, o meu optimismo e o meu goce intelectual.

Non me vexo na Academia e tampouco teño tempo para esa ocupación. Son abondas xa as miñas ansias e preocupacións, entre as que están as literarias, as culturais e o activismo feminista.

Sei que as amigas e compañeiras feministas confiaban no labor que podía levar a cabo nesa Real Institución a favor das mulleres galegas, no eido lingüístico e cultural. Mais, o certo é que nese lugar só se pode entrar para traballar polos intereses dos académicos. Nesa Casa (onde por certo habitou a gran sabia e feminista Emilia Pardo Bazán, que, mesmo querendo, non conseguiu entrar na Academia; tampouco entrou Rosalía de Castro) predomina o imaxinario masculino. A teoría feminista, que comeza cun precursor no s. XVII, Poullain de la Barre, segue no s. XVIII con Olympe de Gouges e Mary Wollstonecraft, coa Vindicación dos dereitos da Muller, Condorcet, Benito Feixó, Martín Sarmiento, J. Stuart Mill, F. Engels, Augusto Bebel, Pierre Bordeaux ou o actual Carl Djerassi, por citar homes, e tantas filósofas, comezando por Simone de Beauvoir, Kate Millet, Clara Campoamor, M. Le Doeuff, até as milleiras que na actualidade como Celia Amorós ou Amelia Valcárcel, forman un rico corpus, é ignorada nese contexto. Os libros onde se amosa esa herdanza intelectual, non deben figurar nas bibliotecas nin nas mentes dos ilustres académicos.

Afirmo que non hai acritude nas palabras anteriores. Só constatacións. Mesmo se negan a Lei de Igualdade e a propia democracia, teño un vínculo coa Academia co que sempre me identificarei: a lingua galega. Ademais sei que os argumentos expostos non son ofensivos para os distinguidos académicos. Consideran que o saber é cousa de homes, no sentido máis específico do termo, e fixeron coas mulleres unha privación inicua… ignoro por qué dereito natural fundamental, de non ser o outro que a forza, segundo o Rousseau xuvenil.

Pretendín demostrarlle á cidadanía que me propuxo que a Academia será o último que cambie na sociedade. Aínda que vaian introducindo algunha muller a conta gotas coma quen regala unha flor.

Hoxe, día 14 de Setembro de 2011, no 1º Consello Municipal da Muller da nova lexislatura, pídovos a liberdade para declarar que non quero nin quererei entrar na Real Academia Galega, así como amosar a miña desculpa ante todas as institucións e persoas que me apoiaron.

Reitero as grazas e ofrezo a miña solidariedade e o afecto de sempre.

Carta enviada a O xogo das cadeiras por María Xosé Queizán. Publicouse previamente no blog Brétemas de Manuel Bragado.

]]>
Máis que cadeiras, por María Reimóndez, Helena González, Inma López Silva e Dolores Vilavedra http://xogodascadeiras.blogaliza.org/2011/09/09/mais-que-cadeiras-por-maria-reimondez-helena-gonzalez-inma-lopez-silva-e-dolores-vilavedra/ Fri, 09 Sep 2011 08:00:39 +0000 http://xogodascadeiras.blogaliza.org/?p=781 Sigue lendo ]]>

cadeira s.f. 2. Asento individual con respaldo, provisto ou non de brazos. Dicionario da RAG

Dende a publicación do Manifesto “O Xogo das Cadeiras”, o debate sobre a entrada das mulleres na Real Academia semella ter tomado un novo pulo. Esta intervención no espazo público que facemos inicialmente algunhas mulleres e logo moitas outras persoas para reclamar un recoñecemento colectivo merecido semella coller de sorpresa a certos sectores, afeitos a que o estatus quo se manteña sen visibilidade das voces diverxentes. O debate en torno á presenza das mulleres na Academia non é novo nin casual mais se cadra é neste momento no que se fai máis visible. Os feitos falan por si mesmos: se cadra porque as cadeiras adoitan ter catro patas na Real Academia Galega semella abondar con ter catro académicas.

Este argumento das catro patas ten a mesma validez que moitos dos escoitados nos últimos tempos ante calquera crítica de xénero á institución (compararse con outras academias “peores”, dicir que  as nosas reivindicacións están ben para unha comunidade de veciños). Primeiro preséntase o debate como se saíse do baleiro, sen ter en conta todos os demais momentos históricos nos que as mulleres foron reclamando sen éxito ese espazo de representación do imaxinario que constitúe a Real Academia Galega. Pola contra, ás mesmas voces ben que lles deita a historia patriarcal para argumentar que ata o momento non houbera mulleres con valores suficientes para sentar nas cadeiras da Rúa Tabernas. Ben, habelas hóuboas, o que pasa é que primeiro hai que coñecelas. Isto en si mesmo vén apoiar indirectamente a necesidade de contar con historiadoras feministas entre as académicas. Sen ir moi lonxe foron moitas as mulleres, algunhas delas falecidas, outras aínda vivas, das mesmas xeracións que os académicos actuais, que acumularon méritos máis que suficientes para acceder a unha cadeira. Pode que o único que lles faltase fose o respaldo, porque na Academia, como en moitas outras instancias sociais, segue existindo un sistema de cotas de facto, que é o único que explica a perenne advertencia de a ver se van entrar mulleres “só por seren mulleres”, como se o noso xénero fose xa un demérito e sen admitir que os académicos entran maioritariamente nas academias “só por ser homes”. Este sistema de cotas de facto tamén provoca que ese asento individual o sexa só no caso dos homes, que se representan a si mesmos, mentres que as mulleres se espera que compitamos entre nós por unha leiriña na que unha debe de representar a un mínimo de dez.

Se ben as cadeiras poden ter brazos ou non, as compañeiras de xeración(s) dos nosos actuais académicos, na súa maioría virían provistas deles, pois moitas acumulan experiencia dende un lugar diferente, dende as necesarias loitas a prol dos dereitos das mulleres e na recuperación da palabra plural de nosa. De aí a importancia fundamental de que entren mulleres que rachen coa reprodución dos estereotipos. Eses brazos son moi diversos e para aqueles sectores que antepoñen a crítica dunha falta de pluralidade ideolóxica ou outra serie de eivas á de xénero nas súas críticas á Academia cómpre lembrarlles que en todas as correntes ideolóxicas hai mulleres para defender causas, ademais da do xénero propio.

E haberá quen pregunte, mais realmente pode un obxecto ser tan importante? Tanto ruído por unhas meras cadeiras? Pois abofé, porque cando as voces críticas das mulleres non están nos espazos onde se define a nación ou a lingua, os “pais da nación” seguen bebendo e producindo de forma acrítica unha retórica sexista e discriminatoria que nos exclúe ou converte ás mulleres en “mais” ou “obxectos”, entre outras cousas. Esa linguaxe ponnos ás mulleres nunha relación incómoda coa nación dado que esta se nos presenta como unha disxuntiva entre a igualdade de xénero e a nosa identidade como cidadás dun pobo que precisa loitar polos seus dereitos. Pode semellar unha cuestión teórica abstracta pero se houbese máis lingüístas feministas na Academia se cadra contariamos con estudos, e non só prexuízos, de por que as mulleres abandonan máis axiña o galego, da presión social e a conxunción nefasta de estereotipos lingüísticos (por exemplo que o galego é “bruto”) e de xénero (as mulleres non debemos ser “brutas”). Non en van as relacións entre o discurso da nación (patriarcal) e as situacións de vida das mulleres son un dos temas máis estudados por parte dos feminismos, sobre todo naqueles lugares onde houbo unha construción nacional a raíz dunha imposición doutra nación como durante a colonización ou en nacións sen estado. Cómpre unha nova linguaxe na que esas metáforas queden fóra e sexamos capaces de crear unhas novas. O acervo dos feminismos, representado nas distintas correntes e voces das cales por fortuna existen abondas en galego, debe estar presente na Academia. Porque a fin de contas é aí onde se decide parte do acervo imaxinario.

Hai por suposto moitos outros espazos de acción na rúa nos que unha non precisa cadeira, pode sentar no chan: nos fogares, nos partidos políticos, noutras institucións, pero a Academia é un lugar irrenunciable onde ir apousentar o coñecemento de cada unha. Na Academia fálase do que nos define como pobo, sobre todo tendo en conta o ligada que está a construción  nacional á lingua en Galicia, fronte a outros trazos antropoloxistas que serían moi negativos á hora da integración, por exemplo, de persoas doutros países ou de identidades diverxentes do discurso oficial. A lingua é sen dúbida o criterio identitario máis aberto dado que as linguas poden sempre aprenderse, un lugar de nacemento non.

Así que en definitiva, si, queremos cadeiras individuais, non catro que representen ao cincuenta por cento da humanidade, e con respaldo. Estamos aquí, collendo o debate nas nosas mans  porque  algún día nos  gustaría poderlle recoñecer á Academia o mesmo mérito en aspectos como a linguaxe non sexista ou a recuperación das mulleres na historia que moitas das asinantes iniciais do manifesto “O xogo das cadeiras” xa acumulan. Por iso lles solicitamos, señores académicos, que nos dean de inmediato as cadeiras. E non se preocupen que os brazos xa os traemos nós.

Publicado en Protexta. Revista de libros de Tempos Novos, 18 (verán 11): 28.


]]>
Vídeos da pregunta parlamentaria de Ana Pontón e resposta de Marta González http://xogodascadeiras.blogaliza.org/2011/09/09/video-pregunta-parlamentaria-por-ana-ponton/ Fri, 09 Sep 2011 06:42:25 +0000 http://xogodascadeiras.blogaliza.org/?p=769 Sigue lendo ]]> Vídeos da pregunta parlamentaria formulada o 08/09/2011 por Ana Pontón, do BNG, á Secretaria Xeral de Igualdade, Marta González, sobre as actuacións que o goberno vai botar a andar para favorecer o incremento do número de mulleres na Academia Galega.

Pregunta de Ana Pontón.
Resposta de Marta González.
Réplica de Ana Pontón.
Resposta á réplica de Marta González.

Vídeos do Parlamento de Galicia.

]]>