Máis de 400 persoas, entidades e colectivos apoian a iniciativa “O xogo das cadeiras” que insta á Academia a incorporar mulleres á institución

O xogo das cadeiras. Manifesto pola entrada das mulleres na Academia Galega, unha iniciativa levada adiante por 54 mulleres, acada en cinco días 400 adhesións de persoas e colectivos de distintos ámbitos: a creación, a cultura, os movementos sociais, a política e a sociedade civil.

Desde o día da presentación do manifesto, o pasado xoves 7 de abril, personalidades destacadas da cultura galega e da vida política fixeron público o seu apoio a esta iniciativa que reclama unha mayor sensibilidade da Academia Galega respecto á incoporación das mulleres á institución. Do mundo das letras e o mundo editorial expresaron a sua adhesión Agustín Fernández Paz, Ana Cibeira, Belén Regueira, Dores Tembrás, Fran Alonso, Marilar Aleixandre, Rosa Aneiros, Xabier Docampo, Lucía Novas, Xavier Queipo e un longo etc. Do activismo e dos estudos feministas asinaron, entre outras, Celia Pereira Porto, Iolanda Martínez, Kathleen March, Kirsty Hooper, Uqui Permuy, Ana Arellano, María Rosendo. Outras sinaturas proceden da universidade, como Arturo Casas, Belén Martín, Buxán Bran, Henrique Monteagudo, Iolanda Ogando, Manuela Palacios, Narciso de Gabriel e María Xesús Lama. As industrias e asociacións vinculadas á cultura galega tamén fan expreso o seu apoio: as editoriais Alvarellos, Laiovento, Patas de Peixe, a Libraría Pedreira, Xavier Paz da Libraría Torga, o editor de Xerais, Manuel Bragado, ou a presidenta de ADEGA, Virginia Rodríguez e mais os presidentes da Asociación de Escritores en Lingua Galega, Cesáreo Sánchez Iglesias, da Asociación Internacional de Estudos Galegos, Craig Patterson, e da Mesa pola Normalización Lingüística, Carlos Callón. Do mundo da política recibíronse apoios como os de Laura Seara, Directora do Instituto de la Mujer, Xosé Manuel Pazos, concelleiro en Cangas, ou Silvia Fraga Santos, parlamentaria. Profesorado de ensino primario e secundario, axentes do activismo cultural, artistas e e profesionais dos medios de comunicación adhírense e expresan as súas opinións no blog http://xogodascadeiras.blogaliza.org

  • “Xa vai sendo hora de sentar… Estou convosco, e de pé”, Marisa Vázquez.
  • “Que as mulleres teñan nas institucións o mesmo peso que xa teñen no ámbito social e profesional”, Luz Picos.
  • “Polo voso mérito e polo noso crédito, adhírome!”, Roberto Pascual.
  • “Respaldo pleno para as cadeiras!”, David Álvarez.
  • “Non máis xogos! Adhírome”, Elisa Picallo.

Pódese seguir o debate e reaccións no blog O xogo das cadeiras, así como consultar o cómputo e listado completo de adhesións en tempo real.

Esta entrada foi publicada en Mulleres! e etiquetada . Garda a ligazón permanente.

Unha resposta a Máis de 400 persoas, entidades e colectivos apoian a iniciativa “O xogo das cadeiras” que insta á Academia a incorporar mulleres á institución

  1. Adrián Romaní di:

    Adhírome

Os comentarios están pechados.