Intelectualas na Academia, por Inma López Silva

¿Alguén reparou en que na Real Academia Galega hai só 4 mulleres e 23 homes? Que pregunta máis parva. Claro que si. Se non, non sabería como sei que aos oídos dos académicos chegan a diario propostas máis que solventes para que sexan mulleres as que ocupen os asentos vacantes. ¿Por que tantos reparos? ¿Teñen elas menos méritos que algún dos indiscutidos membros da RAG?

Podo ser máis directa, xa que me puxen, e preguntarlles aos nosos líderes culturais como son quen de asentar unha teoría esencialmente esquerdista do galeguismo ao tempo que practican un conservadorismo atroz amosado, entre outras cousas, en tres aspectos: o receo co que se nos mira ás mulleres, derivado evidentemente da forte tradición xudeo-cristiá na que nos educan; a xerontocracia que define Galicia en tantos outros aspectos; e o medo ao pluralismo, algo moi de noso, pero que en realidade demostra complexos e incapacidade para liderar unha verdadeira corrente crítica.

Non me vou pór paritaria, nin sequera vou defender a discriminación positiva. As mulleres, como ben saben os nosos cultísimos académicos, son parte esencial da construción da identidade colectiva e fixeron tanto como calquera por xerar coñecemento. Non é que a RAG vaia estar mellor con máis mulleres. Nin sequera as mulleres van facer que deixe de ser un espazo no que, basicamente, se fantasea con loitas de poder. Simplemente van demostrar que a RAG pode facer o que se espera dela: ser representativa dunha cultura na que as mulleres somos moito máis ca un 20%.

Publicado en La Voz de Galicia 06/04/2011

Esta entrada foi publicada en Reaccións! e etiquetada , . Garda a ligazón permanente.