¡Pitas, pitas!, por Inma López Silva

Aprendín a facer a guerra o día que vin Evasión na granxa. Xa daquela entendín que, vivindo como vivimos nun cortello galaico, o que nos quedaría ás galiñas sería a revolución, pero non sabía que a guerra das galiñas ía ser longa e non ía quedar máis remedio que dosificar pequenos xestos de loita armada, como romperlles as botellas de Varón Dandy aos porquiños ou abrir a gaiola dos coellos para ver de os converter en lebres.

Aspiraba daquela a que á chamada de «¡Pitas, pitas!», acudise un auténtico exército de galiñas dispostas a reorganizar a granxa e facela cumprir a norma da agricultura ecolóxica, con espazos de convivencia animal, sen incómodas gaiolas, e cun medido uso dos puríns. E o certo é que as galiñas de Galicia logramos revolucionar a granxa, a xulgar polo mal que senta nos minifundios a nosa irrupción desafiante.

Con todo, temos resistencia: sempre hai quen di que as galiñas somos todas unhas lurpias. Ese é o discurso contrarrevolucionario máis efectivo. Ese, e a presenza traidora dos galos. Hai galos abondo para cantar nesta granxa, din. Galos máis fermosos que sempre merecen ser galo só por naceren cunha fermosa crista vermella e por saberen de memoria a partitura dunha ladaíña moi de koljoz: «Cantamos ao amencer só para facer o ben de todos e todas vós». Así, a ritmo de muiñeira. Oír esa ladaíña diaria é o que nos lembra que a revolución das galiñas aínda ten sentido. Porque cando os galos van, nós que os parimos xa vimos de volta, e cando eles dobregan a crista, nós aínda damos bo caldo.

É certo que nesta granxa aínda rula o Varón Dandy de contrabando. Pero as pitas xa non cremos en ladaíñas de koljoz.

Publicado en La Voz de Galicia 18/06/2011

Esta entrada foi publicada en Reaccións! e etiquetada . Garda a ligazón permanente.