O BNG empraza a Igualdade a introducir cambios lexislativos que garantan a presenza equilibrada das mulleres na RAG

Pontón advirte que a interlocución e o diálogo coa entidade está ben pero son necesarias medidas máis eficaces.

A deputada do G.P Ana Pontón emprazou hoxe á Secretaria Xeral de Igualdade a que se introduzan os mecanismos necesarios na Lei galega de Igualdade para regular a representación nas Academias e garantir a presenza equilibrada de mulleres nas mesmas, a través dunha política de cuotas que equilibre de forma progresiva esa presenza.

Ana Pontón fixo esta proposta durante o debate en Comisión dunha pregunta do BNG sobre a composición actual da Real Academia Galega, pois malia a oportunidade que supuxo a renovación de catro cadeiras para mellorar a porcentaxe de mulleres académicas, a realidade foi que incluso se involucionou e se antes dos 30 membros 5 eran mulleres agora son incluso unha menos.

A deputada nacionalista valorou a resposta da secretaria xeral, que informou de que está aberto un proceso de diálogo coa RAG que pronto dará froitos, mais advertiu que as accións a adoptar deben ser máis eficaces e para iso co diálogo e a interlocución non chega, hai que introducir cambios a través da Lei e non depender unicamente da “vontade” da dirección da RAG.

A parlamentar coincidiu coa secretaria xeral en que a discriminación neste ámbito é extensíbel a outras Academias mais “a existencia xeneralizada de discriminacións ―dixo― nunca pode xustificar a situación que se dá na actualidade no caso galego”.

Ana Pontón lembrou que esta presenza “cativa” e “anémica” das mulleres na RAG está moi alonxada da realidade do mundo intelectual e cultural galego, polo que un colectivo destas mulleres asinou un manifesto, coñecido como o Xogo das Cadeiras, para demandar que se mude esta situación, mais co resultado paradoxal xa coñecido de camiñar para atrás e que na renovación das vacantes finalmente non foran tidas en conta

A deputada do BNG fixo súas algunhas das palabras do manifesto e asegurou que “resulta indigno mesmo ter que sequera argumentar o inxusto e innobre desta situación. Nestas alturas da nosa historia non abondan as cadeiras todas da Rúa Tabernas para dar acubillo ás mulleres de tantas xeracións que teñen méritos máis que sobrados para ocupar os seus postos”.

Para a parlamentar, é aberrante que haxa demanda de avanzar e a Academia se sitúe na dirección contraria, non obstante reiterou que detrás desta denuncia non hai un cuestionamento da institución, “respectamos a Academia e temos colaborado para superar situacións que inviabilizan o seu traballlo pero hai unha lexislación que a RAG ten que respectar e ten que ser máis sensible ás demandas da sociedade”.

Asemade, recordou o papel que o actual marco legal lle outorga á Xunta para velar para que non se produzan situacións de discriminación e por iso pide que actúe na medida na que ten competencias e capacidade.

Nota de prensa do grupo parlamentario do BNG 08/09/2011

Esta entrada foi publicada en Reaccións! e etiquetada , , , . Garda a ligazón permanente.