Igualdade inicia contactos coa RAG para favorecer unha maior participación feminina na entidade

Na súa comparecencia na Comisión 1ª do Parlamento, a secretaria xeral cualificou de escasa a presenza feminina na RAG, que é do 13,3%, pero tamén destacou que é superior á media das academias estatais, situada nun 6,2%.

A Secretaría Xeral da Igualdade está a manter contactos coa Presidencia da Real Academia Galega, RAG, orientados a tomar en consideración a incorporación de medidas que favorezan unha maior participación das mulleres no seu seo, segundo anunciou esta mañá a titular de Igualdade, Marta González, na súa comparecencia na Comisión 1ª do Parlamento en resposta a unha pregunta do Grupo Parlamentario do BNG.

Esta liña de comunicación “cordial e fluída” e aberta “desde o máis estricto respecto á independencia e soberanía da Academia nos seus asuntos internos”, segundo indicou a secretaria xeral, pretende mellorar a actual situación caracterizada por un escaso número de mulleres que, de xeito circunstancial, se ten reducido de cinco a catro nos últimos anos, Luz Pozo, Xohana Torres, Rosario Alvarez e Margarita Ledo.

Con todo, destacou que as catro mulleres do total de 30 membros da Real Academia Galega representan unha participación do 13,3%, que duplica o 6,2% de media da presenza feminina nas academias estatais. No seu conxunto, a infrarrepresentación feminina é común nas oito academias estatais, entre as que a Real Academia de Farmacia lidera a presenza de mulleres cunha porcentaxe do 17%.

A titular de Igualdade repasou na súa comparecencia os pasos recentes dados por algunhas institucións académicas que amosan un progresivo posicionamento nesta dirección, iniciado en 2009 pola Real Academia de la Historia e seguido en 2011 pola Real Academia de Ciencias Morales y Políticas e pola Real Academia de Medicina. Todas elas modificaron os seus estatutos, incluíndo unha disposición adicional que remite a “modificacións no regulamento interno para procurar a inclusión de medidas dirixidas a promover unha maior presenza de mulleres tanto nos órganos de goberno como na comunidade académica”. Outras academias, sen cambiar os seus estatutos, deron tamén mostra desta tendencia incorporando a mulleres no proceso para cubrir as últimas vacantes producidas.

Estes casos recentes evidencian “que algo se está movendo e as academias van corrixindo unha situación que asumen como desequilibrada”. A Secretaría Xeral da Igualdade considera, en palabras da súa titular, que a incorporación dun maior número de mulleres a todos os ámbitos da vida política, social, económica e cultural “é un proceso imparable, tanto por unha cuestión ideolóxica ―a incorporación do principio de igualdade como unha premisa básica do noso sistema democrático― como polo papel cada vez máis importante que as mulleres están a acadar na nosa sociedade, e a súa relevancia desde o punto de vista profesional e científico”.

Baixo o criterio de respecto á autonomía da RAG como institución independente da Xunta e tendo en consideración a dificultade que supón o sistema vitalicio de pertenza e o proceso de elección dos seus membros, Marta González rematou convencida de que “a liña de comunicación cordial e fluída que ven de iniciarse terá resultados no menor prazo posible”.

Nota de prensa da Secretaría Xeral da Igualdade da Xunta de Galicia 08/09/2011

Esta entrada foi publicada en Reaccións! e etiquetada , . Garda a ligazón permanente.