Máis que cadeiras, por María Reimóndez, Helena González, Inma López Silva e Dolores Vilavedra

cadeira s.f. 2. Asento individual con respaldo, provisto ou non de brazos. Dicionario da RAG

Dende a publicación do Manifesto “O Xogo das Cadeiras”, o debate sobre a entrada das mulleres na Real Academia semella ter tomado un novo pulo. Esta intervención no espazo público que facemos inicialmente algunhas mulleres e logo moitas outras persoas para reclamar un recoñecemento colectivo merecido semella coller de sorpresa a certos sectores, afeitos a que o estatus quo se manteña sen visibilidade das voces diverxentes. O debate en torno á presenza das mulleres na Academia non é novo nin casual mais se cadra é neste momento no que se fai máis visible. Os feitos falan por si mesmos: se cadra porque as cadeiras adoitan ter catro patas na Real Academia Galega semella abondar con ter catro académicas.

Este argumento das catro patas ten a mesma validez que moitos dos escoitados nos últimos tempos ante calquera crítica de xénero á institución (compararse con outras academias “peores”, dicir que  as nosas reivindicacións están ben para unha comunidade de veciños). Primeiro preséntase o debate como se saíse do baleiro, sen ter en conta todos os demais momentos históricos nos que as mulleres foron reclamando sen éxito ese espazo de representación do imaxinario que constitúe a Real Academia Galega. Pola contra, ás mesmas voces ben que lles deita a historia patriarcal para argumentar que ata o momento non houbera mulleres con valores suficientes para sentar nas cadeiras da Rúa Tabernas. Ben, habelas hóuboas, o que pasa é que primeiro hai que coñecelas. Isto en si mesmo vén apoiar indirectamente a necesidade de contar con historiadoras feministas entre as académicas. Sen ir moi lonxe foron moitas as mulleres, algunhas delas falecidas, outras aínda vivas, das mesmas xeracións que os académicos actuais, que acumularon méritos máis que suficientes para acceder a unha cadeira. Pode que o único que lles faltase fose o respaldo, porque na Academia, como en moitas outras instancias sociais, segue existindo un sistema de cotas de facto, que é o único que explica a perenne advertencia de a ver se van entrar mulleres “só por seren mulleres”, como se o noso xénero fose xa un demérito e sen admitir que os académicos entran maioritariamente nas academias “só por ser homes”. Este sistema de cotas de facto tamén provoca que ese asento individual o sexa só no caso dos homes, que se representan a si mesmos, mentres que as mulleres se espera que compitamos entre nós por unha leiriña na que unha debe de representar a un mínimo de dez.

Se ben as cadeiras poden ter brazos ou non, as compañeiras de xeración(s) dos nosos actuais académicos, na súa maioría virían provistas deles, pois moitas acumulan experiencia dende un lugar diferente, dende as necesarias loitas a prol dos dereitos das mulleres e na recuperación da palabra plural de nosa. De aí a importancia fundamental de que entren mulleres que rachen coa reprodución dos estereotipos. Eses brazos son moi diversos e para aqueles sectores que antepoñen a crítica dunha falta de pluralidade ideolóxica ou outra serie de eivas á de xénero nas súas críticas á Academia cómpre lembrarlles que en todas as correntes ideolóxicas hai mulleres para defender causas, ademais da do xénero propio.

E haberá quen pregunte, mais realmente pode un obxecto ser tan importante? Tanto ruído por unhas meras cadeiras? Pois abofé, porque cando as voces críticas das mulleres non están nos espazos onde se define a nación ou a lingua, os “pais da nación” seguen bebendo e producindo de forma acrítica unha retórica sexista e discriminatoria que nos exclúe ou converte ás mulleres en “mais” ou “obxectos”, entre outras cousas. Esa linguaxe ponnos ás mulleres nunha relación incómoda coa nación dado que esta se nos presenta como unha disxuntiva entre a igualdade de xénero e a nosa identidade como cidadás dun pobo que precisa loitar polos seus dereitos. Pode semellar unha cuestión teórica abstracta pero se houbese máis lingüístas feministas na Academia se cadra contariamos con estudos, e non só prexuízos, de por que as mulleres abandonan máis axiña o galego, da presión social e a conxunción nefasta de estereotipos lingüísticos (por exemplo que o galego é “bruto”) e de xénero (as mulleres non debemos ser “brutas”). Non en van as relacións entre o discurso da nación (patriarcal) e as situacións de vida das mulleres son un dos temas máis estudados por parte dos feminismos, sobre todo naqueles lugares onde houbo unha construción nacional a raíz dunha imposición doutra nación como durante a colonización ou en nacións sen estado. Cómpre unha nova linguaxe na que esas metáforas queden fóra e sexamos capaces de crear unhas novas. O acervo dos feminismos, representado nas distintas correntes e voces das cales por fortuna existen abondas en galego, debe estar presente na Academia. Porque a fin de contas é aí onde se decide parte do acervo imaxinario.

Hai por suposto moitos outros espazos de acción na rúa nos que unha non precisa cadeira, pode sentar no chan: nos fogares, nos partidos políticos, noutras institucións, pero a Academia é un lugar irrenunciable onde ir apousentar o coñecemento de cada unha. Na Academia fálase do que nos define como pobo, sobre todo tendo en conta o ligada que está a construción  nacional á lingua en Galicia, fronte a outros trazos antropoloxistas que serían moi negativos á hora da integración, por exemplo, de persoas doutros países ou de identidades diverxentes do discurso oficial. A lingua é sen dúbida o criterio identitario máis aberto dado que as linguas poden sempre aprenderse, un lugar de nacemento non.

Así que en definitiva, si, queremos cadeiras individuais, non catro que representen ao cincuenta por cento da humanidade, e con respaldo. Estamos aquí, collendo o debate nas nosas mans  porque  algún día nos  gustaría poderlle recoñecer á Academia o mesmo mérito en aspectos como a linguaxe non sexista ou a recuperación das mulleres na historia que moitas das asinantes iniciais do manifesto “O xogo das cadeiras” xa acumulan. Por iso lles solicitamos, señores académicos, que nos dean de inmediato as cadeiras. E non se preocupen que os brazos xa os traemos nós.

Publicado en Protexta. Revista de libros de Tempos Novos, 18 (verán 11): 28.


Esta entrada foi publicada en Manifesto e etiquetada , , , . Garda a ligazón permanente.