Queizán: “Os académicos da RAG cren que o saber é cousa de homes”

María Xosé Queizán. Foto/ OLALLA LOJO

A escritora envía unha carta de agradecemento ao Consello da Muller de Vigo na que di que “nunca” quixo formar parte da institución presidida por Ferrín.

“Os académicos consideraron que o saber é cousa de homes. A Academia será o último que cambie na sociedade. Aínda que vaian introducindo algunha muller a conta gotas coma quen regala unha flor”. Esa é unha das mensaxes que lanza a escritora María Xosé Queizán a través dunha carta que onte enviou ao Consello da Muller de Vigo e que hoxe reproduce na súa totalidade Manuel Bragado no seu blog Brétemas. Nesa carta, a autora de Amor de tango afirma que non estaba entre os seus desexos entrar na institución presidida por Méndez Ferrín. “Non quero nin quererei entrar na Real Academia Galega. Non me vexo na Academia e tampouco teño tempo para esa ocupación. Son abondas xa as miñas ansias e preocupacións, entre as que están as literarias, as culturais e o activismo feminista”.

Queizán, ademais, emprega esta carta para amosar “a súa alegría” por que o Consello Municipal da Muller do Concello de Vigo presentase a iniciativa para que a escritora formase parte da Academia. “Dixen daquela que o voso recoñecemento era máis imporante para min que o ingreso nesa alta institución. Sei que as amigas e compañeiras feministas confiaban no labor que podía levar a cabo nesa Real Institución a favor das mulleres galegas, no eido lingüístico e cultural”, explica na misiva.

“SEN ACRITUDE”

Na carta, María Xosé Queizán insiste en que nas súas palabras cara a Academia non hai ningún tipo de “acritude” e que os seus argumentos “non son ofesivos para os señores académicos”. Non obstante, a súa carta si que conten críticas cara ao funcionamento da institución da Rúa Tabernas. “É certo é que nese lugar só se pode entrar para traballar polos intereses dos académicos. Nesa Casa, (onde por certo habitou a gran sabia e feminista Emilia Pardo Bazán, que, mesmo querendo, non conseguiu entrar na Academia. Tampouco entrou Rosalía de Castro) predomina o imaxinario masculino. A teoría feminista, que comeza cun precursor no s.XVII, Poullain de la Barre, segue no s.XVIII con Olympe de Gouges e Mary Wollstonecraft. coa Vindicación dos dereitos da Muller, Condorcet, Benito Feixó, Martín Sarmiento, J. Stuart Mill, F. Engels, Augusto Bebel, Pierre Bordeaux ou o actual Carl Djerassi, por citar homes, e tantas filósofas, comezando por Simone de Beauvoir, Kate Millet, Clara Campoamor, M. Le Doeuff. até as milleiras que na actualidade como Celia Amorós ou Amelia Valcárcel, forman un rico corpus, é ignorada nese contexto. Os libros onde se amosa esa herdanza intelectual, non deben figurar nas bibliotecas nin nas mentes dos ilustres académicos”, lamenta.

CON MENOS MULLERES NA ACADEMIA

O Consello Municipal da Muller de Vigo propuxera o nome de Queizán para ocupar a vacante de Olga Gallego, historiadora falecida no outono pasado. A iniciativa conseguiu diversos e numerosos apoios nun momento que a Real Academia Galega se enfrontaba a unha renovación. O seu plenario acabou por ter tres vacantes a comezos de 2011 (a de Olga Gallego, a de Fernández Ferreiro e a de Río Barja) e o debate sobre a presenza feminina comezou a xerarse no país. Non obstante, en marzo, os académicos decidiron que o posto de Olga Gallego debería estar ocupado por Xosé Luís Regueira. A raíz desta decisión, xurdiu o manifesto do Xogo das Cadeiras.

No mes de maio, produciuse a elección para ocupar a praza de Fernández del Riego. O escollido foi un home. O escritor e membro do grupo do Brais Pinto Xosé Fernández Ferreiro foi escollido e a candidatura de Marilar Aleixandre quedou desbotada nun plenario tenso no que tamén se decidiu que as Letras Galegas do 2012 serían para homenaxear a Valentín Paz Andrade.

Só queda unha vacante para asignar: a de Río Barja. Proximamente a Academia terá que decidir quen será o seu substituto. Agás sorpresa máis que improbable, o home que ocupará o seu posto será o historiador Pegerto Saavedra. El é o único candidato ao ocupar o posto e o prazo para presentar candidaturas xa está máis que pechado. Cando se faga oficial a súa elección, a Real Academia reducirá nun ano a súa cota feminina. Se hai doce meses eran cinco as mulleres, a partir de agora tan só serán catro: Rosario Álvarez, Luz Pozo, Xohana Torres e Margarita Ledo Andión.

Publicado en Xornal de Galicia 15/09/2011.

Esta entrada foi publicada en Reaccións! e etiquetada . Garda a ligazón permanente.