¿Claudicar?, por Inma López Silva

O 14 de setembro, a escritora e filósofa María Xosé Queizán enviou unha carta ao Consello da Muller de Vigo na que pedía «a liberdade para declarar que non quero nin quererei entrar na Academia». Xunto con numerosas adhesións, o Consello presentara a súa candidatura para formar parte da Real Academia Galega, institución que, como é sabido, acusa unha amplísima maioría masculina pouco coherente cunha sociedade galega na que a cada paso hai máis mulleres ocupando espazos de responsabilidade intelectual, creativa e ideolóxica. Queizán non se pronunciara nin sobre o seu rexeitamento nin sobre o debate arredor das últimas incorporacións á RAG, situándose elegantemente á marxe dun sismo con epicentro no seu nome, polo seu valor simbólico, polo seu activismo feminista, e, sobre todo, por ser a candidata máis pública grazas á simpatía popular xerada pola iniciativa do Consello da Muller.

¿Pero que implica esta renuncia? ¿É, como din, claudicar? Non creo. Coa súa carta pública, pon o dedo na ferida desta sociedade na que moita progresía peca de machista por omisión. Ela négase a que a súa presenza na Academia poida considerarse unha concesión en lugar do que é, un dereito adquirido a conta da súa intelixencia, coma calquera dos que alí figuran. Rexeitando contribuír á continuidade dunha institución de fórmulas retrógradas, sitúa o debate na idea de que as mulleres non deben acceder á RAG, «coma quen regala unha flor». Así converteu en fermosa a máxima de que non somos floreiros. E por suposto que non claudicamos.

Publicado en La Voz de Galicia 23/09/2011

Esta entrada foi publicada en Reaccións! e etiquetada , . Garda a ligazón permanente.