Escollerá a RAG unha muller académica este outono?, por Alberte Mariño

Non pintan copas para as mulleres na Real Academia de Méndez Ferrín, e menos despois da «rebelión» capitaneada polas escritoras, intelectuais e artistas de todo o arco ideolóxico que lanzaron neste abril o manifesto «O xogo das cadeiras», que causou profunda irritación nos despachos da rúa Tabernas. O caso é que das dúas vacantes a cubrir, os santóns da RAG escolleron para a primeira o escritor Xosé Fernández Ferreiro, un «braispinto» moi aprezado polo presidente da institución. Todo apunta a que a segunda vacante será ocupada tamén por un home. Os que coñecen os mecanismos que moven a RAG falan dun respectado profesor da USC, investigador da Historia de Galicia e seareiro irredutible do Barça. É dicir, no xogo das cadeiras seguirán sen poder participar mulleres.

Publicado en Galicia Hoxe 19/07/2011

Na categoría Reaccións! | Coas etiquetas | Leave a comment

O xogo das cadeiras

“O xogo das cadeiras” (“El juego de las sillas/sillones”) es una campaña para reivindicar la designación de más académicas en la Real Academia Galega. En abril de 2011 se dio a conocer el manifiesto, apoyado por 54 escritoras, intelectuales y artistas gallegas de adscripciones ideológicas diferentes, que inmediatamente generó una oleada de adhesiones de intelectuales relevantes en la cultura gallega, así como de ciudadanas y ciudadanos. Esto generó un debate que pretendía influir en el nombramiento de dos nuevas académicas para los sillones vacantes y al mismo tiempo concretar una acción que pone en cuestión otras instituciones semejantes. El debate ha llegado incluso al Parlamento Gallego, por medio de una pregunta parlamentaria, pendiente de respuesta en septiembre.

Para más información, podéis consultar el blog de la campaña: http://xogodascadeiras.blogaliza.org

Publicado en Clásicas y Modernas. Asociación para la Igualdad de Género en la Cultura 06/07/2011

Na categoría Reaccións! | Coas etiquetas | Leave a comment

Os traumas e as cadeiras, por Mario Regueira

As institucións e as asociacións tamén crean a súa personalidade. Por máis estendidas no tempo que sexan, sempre manteñen un fío de actitude interna que vai pasando de xeración en xeración das persoas que as forman, moito máis se esas persoas teñen que ser elixidas ou moderadas no seu ingreso polas precedentes. A Real Academia Galega tamén ten a súa personalidade, os seus vicios propios, e os seus peculiares tributos a render, a súa dinámica interna marcada tristemente pola historia.

«A precaución, o medo e o respecto» son propias dunha institución que viviu baixo o peso do franquismo (nunca foi prohibida explicitamente) facendo cesións tan dolorosas como a de ter que limitar o emprego do galego en parte dos seus actos públicos ou conceder unha cadeira honorífica ao verdugo principal da lingua que pretendían defender. Dentro diso están tamén as estratexias do supervivente: a obrigada moderación política dos seus membros durante os anos da ditadura e tamén unha longa transición (1977-1997) a mans dunha persoa que non destacou precisamente polas súas ideas progresistas (o «secuestrador» García-Sabell). Ao mesmo tempo, a dependencia do financiamento público baixo gobernos autonómicos adversos moderou aínda máis a súa capacidade de acción e a posibilidade de desenvolver un labor crítico verdadeiro. Non cabe dúbida de que a personalidade da Real Academia Galega está chea de traumas, e aínda que os traumas sempre explican algunhas cousas, moi poucas veces conseguen xustificalas. Cun independentista de esquerdas á fronte e persoas tan pouco sospeitosas de conivencia coa ideoloxía patriarcal como Xohana Torres, Manuel Rivas ou Margarita Ledo, a R.A.G. non pode escusar durante máis tempo as débedas que ten coa sociedade galega, nin seguir enleada nunha atmosfera que fala máis dos medos doutras épocas que da afouteza que esixen os novos tempos.

Na miña opinión, as leis que fomentan a igualdade son absolutamente necesarias, pero moitas veces representan tamén unha proba en contra no xuízo que os tempos farán sobre a nosa época. Porque se a comezos do século XXI era necesario lexislar para que as mulleres e as minorías tivesen garantida a súa representación en institucións culturais ou políticas é porque grandes capas da sociedade estaban a naufragar na consecución dunha distribución xusta e respectuosa. Non querería ver sumado aos vellos traumas da Academia o de pertencer a esa parte do tecido social que se opuxo ou obstaculizou a normalización do papel das mulleres, aínda que chegado o caso, non me importaría que esta pregunta no aire, tivese algún tipo de consecuencia.

A pelota, xunto con moitas outras pelotas, segue no tellado da Academia, mentres tanto, a música segue soando, e con ela o xogo das cadeiras.

Publicado no blog O porto dos escravos. Cartas dende a illa de Gorée 05/07/2011

Na categoría Reaccións! | Coas etiquetas | Leave a comment

Adíase a pregunta parlamentaria

O Goberno, facendo uso das súas prerrogativas, solicitou o aprazamento da resposta á pregunta parlamentaria formulada pola deputada Ana Pontón do BNG referida á cuestión da presenza equilibrada de mulleres na RAG. O trámite parlamentario desta iniciativa fica pois adiado ata setembro. Desde O xogo das cadeiras agradecemos ao BNG o seu esforzo por levar o debate da igualdade ao ámbito parlamentario.

Na categoría Aviso | Coas etiquetas , , | 1 Comentario

O BNG leva ao Parlamento o debate sobre a presenza feminina na RAG

O BNG levará a sede parlamentaria o debate ao redor da presenza feminina na Real Academia Galega. A deputada Ana Pontón preguntaralle hoxe na Comisión 1ª Institucional, de Administración Xeral, Xustiza e Interior á secretaria xeral de Igualdade, Marta González, pola as actuacións que ten previsto desenvolver a Xunta para promover a presenza equilibrada de mulleres no ámbito da institución presidida por Xosé Luís Méndez Ferrín. Nese senso, o BNG pediralle á Secretaría Xeral de Igualdade unha valoración sobre o nivel de participación das mulleres na RAG e que adiante se vai realizar algunha xestión coa Academia á fin de acadar un “avance significativo” neste ámbito.

A documentación que Pontón levará ao Parlamento faise eco d’O xogo das cadeiras, un manifesto “asinado por mulleres representativas da cultura e a sociedade galega” no que se reclama “unha aposta real” da Academia para rachar coa súa “desigual e discriminatoria” composición actu­­al. O BNG asegura que, con esta iniciativa, non pretende “provocar unha inxerencia na necesaria independencia da RAG”, pero lembra a existencia dun “corpus legal” que prohibe a discriminación de xénero.

Con esta iniciativa, o debate sobre a presencia feminina na Academia entrará no Parlamento despois de que o proceso de renovación da institución da Rúa Tabernas rematase cun menor número de mulleres no seu plenario, xa que tres vacantes xa foron designada a homes e unha cuarta, á espera de votación, será ocupada por outro varón.

Na categoría Reaccións! | Coas etiquetas , | Leave a comment

Pregunta parlamentaria do BNG para promover a presenza equilibrada de mulleres na RAG

O vindeiro xoves 30 de xuño de 2011 a parlamentaria Ana Pontón, do BNG, preguntaralle á Secretaría Xeral de Igualdade cales son as actuacións previstas para promover unha presenza equilibrada de mulleres na composición da Real Academia Galega.

A pregunta pódese seguir en directo por Parlamento TV a partir das 10:30.

Documentación orixinal da Comisión

TEXTO DA PREGUNTA

Ana Belén Pontón Mondelo, deputada do Grupo Parlamentar do Bloque Nacionalista Galego (BNG), ao abeiro do Regulamento da Cámara, presenta a seguinte Pregunta para a súa resposta oral en Comisión, relativa ás actuacións que ten previsto desenvolver a Secretaría Xeral de Igualdade para promover unha presenza equilibrada de mulleres no ámbito da Real Academia Galega.

Nos últimos meses deuse un forte debate social sobre a presenza de mulleres na Real Academia Galega. Un grupo de mulleres representativas da cultura e a sociedade galega promoveu un manifesto (O xogo das cadeiras) que reclamaba unha aposta real desta institución por rachar coa desigual e discriminatoria composición actual. A oportunidade era a renovación de catro cadeiras. Porén, unha vez concluído o proceso de renovación, a RAG diminuíu a xa escasa presenza feminina.

Como din no citado manifesto “Resulta indigno mesmo ter que sequera argumentar o inxusto e innobre desta situación. Nestas alturas da nosa historia non abondan as cadeiras todas da Rúa Tabernas para dar acubillo ás mulleres de tantas xeracións que teñen méritos máis que sobrados para ocupar os seus postos”.

O Grupo Parlamentar do BNG coa presentación desta iniciativa non pretende provocar unha inxerencia na necesaria independencia da RAG. Respectamos esta institución e temos amosado a nosa disposición a colaborar para que xogue un papel máis importante no proceso de defensa e normalización da lingua galega. Acadar unha sociedade igualitaria en todos os ámbitos é un obxectivo irrenunciábel. Convén lembrar que hai un corpus legal que prohibe a discriminación de xénero, trátase do ámbito público ou privado.

A lei galega para a igualdade de homes e mulleres establece entre as obrigas da Xunta de Galiza a de “modificar os patróns socioculturais de conduta das mulleres e de homes, con miras a acadar a eliminación dos prexuízos e das prácticas consuetudinarias baseadas na idea de inferioridade ou superioridade de calquera dos sexos ou en funcións esterotipadas de mulleres e de homes” e “o fomento dunha participación equilibrada das mulleres e dos homes na toma de decisións e a elaboración de estratexias para o empoderamento das mulleres”. A Lei orgánica de igualdade efectiva de homes e mulleres recolle mandatos similares, indicando que “A maior novidade desta lei radica, con todo, na prevención desas condutas discriminatorias e na previsión de políticas activas para facer efectivo o principio de igualdade. Tal opción implica necesariamente unha proxección do principio de igualdade sobre os diversos ámbitos do ordenamento da realidade social, cultural e artística en que se poida xerar ou perpetuar a desigualdade”.

A Secretaría Xeral de Igualdade ten entre os seus teóricos cometidos evitar as discriminacións de xénero. É evidente que a anémica presenza de mulleres na Real Academia Galega non responde á normalidade, nin a unha casualidade. É pois necesario que desde os ámbitos institucionais se tome nota desta situación, actuando para evitar que se perpetúen discriminacións e desequilibrios que violentan os principios e normas dos que nos temos dotado.

Polo dito, formulamos as seguintes preguntas para a súa resposta oral en Comisión:

1ª. Que valoración realiza a Secretaría Xeral de Igualdade sobre o nivel de participación das mulleres na RAG?

2ª. Ten previsto realizar algunha xestión con esta institución a fin de acadar un avance significativo neste ámbito?

Santiago de Compostela, 7 de xuño de 2011

Ana Belén Pontón Mondelo
Deputada do G.P. do BNG

Na categoría Aviso | Coas etiquetas , , | Leave a comment

Académicas, por Fran Alonso

Ás veces resulta desalentador comprobar a exasperante lentitude do progreso social. As conquistas, en tempos de retroceso coma este, son cada vez máis significativas. Xa que logo, os signos que se fan desde as institucións inciden simbolicamente na conformación dos novos modelos sociais, que deben estar ligados a un futuro edificado a partir de conceptos modernos de xustiza e de igualdade. Precisamente por ese motivo, e por proceder dun ámbito, o das institucións culturais, que debería ser especialmente sensible ás demandas que as sociedades do noso tempo formulan, resulta bastante turbador, abafante e incomprensible que a Real Academia Galega manteña un comportamento autista ante a necesidade de corrixir unha gravísima discriminación histórica propiciada pola aínda arraigada cultura patriarcal: o nomeamento de académicas, en feminino, para as cadeiras da RAG.

Sen as voces das escritoras non é posible a diversidade e a pluralidade na Academia. Hoxe máis ca nunca a igualdade cífrase en termos de xénero. Hoxe máis ca nunca, a xustiza social escríbese en clave de xénero. Hoxe máis ca nunca, a vangarda artística perfílase en propostas de xénero.

Pero o dereito das escritoras a entraren na Academia non é un simple problema de diversidade. Ten moita maior gravidade e calado: trátase de lle poñer fin a unha discriminación histórica que non admite ningún tipo de desculpa que a perpetúe. E, desde logo, non é comparable a ningunha outra. De feito, equiparar o dereito das mulleres a seren académicas co mesmo dereito a establecer cotas por xéneros literarios (autor@s de infantil, poetas, xornalistas…) é coma se na Sudáfrica de Mandela se equiparasen as reivindicacións anti-aparheid dos negros con outras aspiracións (léxitimas, claro) da minoría asiática, poñamos por caso, que tamén representaba unha porcentaxe poboacional respectable nese país. Ou coma se incluísemos a etiqueta «mulleres» nas listas dos libros máis vendidos que fan determinados xornais, cando a lingua galega aparece categorizada como un xénero máis: «ficción / no ficción / infantil / gallego».

As escritoras proceden da mesma glaciación ca nós, os escritores, coa diferencia de que a elas lles roubamos o sol do desxeo. Pero xa non teñen idade xeolóxica para andaren a enredar no xogo das cadeiras. Eu, coma moitos homes, non quero ser cómplice de semellante segregación histórica. Sen menoscabo da valía e dos méritos de todos e cada un dos académicos elixidos, xa é a hora das escritoras. Sen dilación. A hora das académicas. E unha institución cultural coma a RAG está obrigada a entender e corrixir unha discriminación de tal envergadura.

Publicado en A Nosa Terra 28/06/2011

Na categoría Reaccións! | Coas etiquetas | Leave a comment

As cadeiras, por Fina Casalderrey

O manifesto O xogo das cadeiras foi unha chama que alumeou un feito escuro, matematicamente incuestionable, no que o pobo posiblemente non reparaba: dos 30 membros da RAG, só 4 son mulleres. Logo xa está en cada quen pensar se isto que acontece é lóxico e enriquecedor, cambiar.

Opino que a capacidade humana para acometer un reto é andróxina, capaz de actuar por riba do xénero, sen negalo. “A lóxica da mestizaxe non é masculina ou feminina, senón algo compartido por todos os que ven a pluralidade infinita da realidade”, dixo Margarita Rivière, e eu estou con ela.

Arrastramos unha débeda histórica que deberiamos reparar pouco a pouco. Ninguén pide botar fóra a quen está, senón que, cando xorde a oportunidade de buscar novas candidaturas, se conte coa preparación e dedicación de moitas mulleres capaces. A misión da RAG é preservar a lingua e a cultura galegas, velar por que teñan unha sa e longa vida, polas “mil primaveras”…

Non podemos normalizar un pobo se non normalizamos as voces que o habitan (homes e mulleres: persoas capaces). O devandito manifesto non é máis ca un ruído humano que pretende frear esa inercia sexista e reparar esta inxustiza histórica.

Xa en 2006, a académica Rosario Álvarez (con quen tiven a sorte de coincidir no bacharelato) repasaba a escasa presenza das mulleres na RAG. Dise que o século XXI é o da liberación da muller, o século da conquista das liberdades, da equiparación, pero vese que, aínda para algo tan obvio, se precisa un manifesto que xere debate. Coido que ata Murguía, aquel primeiro presidente do 1906, lle faría un xusto sitio a Rosalía se ela vivise daquela. E mesmo antes, Curros, alá na Habana, onde din que comezou a fermentar a Academia, estaría de acordo.

Non está mal que a xente saiba estas cousas, que se cree opinión. Se a RAG non se pronuncia quizais sexa que non atopa argumentos en contra do manifesto e que considere que a inxustiza é evidente. Se se quere, estes males teñen remedio, nada ten que ver cos da copla.

Publicado en Galiciaé 22/06/2011

Na categoría Reaccións! | Coas etiquetas | Leave a comment

Día de Feira III, por Armando Requeixo

Hai uns días propuxen unha enquisa para que manifestásedes o voso parecer respecto do (des)acerto da RAG nas recentes designacións de novos membros ―aproveito para lembrarvos que a nova proposta de enquisa figura xa á dereita destas liñas―. Pois ben, o resultado das vosas votacións evidencia unhas preferencias de xeito inequívoco, se ben é certo que a moderada participación obriga que a extrapolación deba facerse con cautela.

Da lectura das opinións vertidas extráese claramente unha conclusión: a Academia puido facelo mellor nas súas designacións, pois ningún dos votantes considera que as escollas fosen as máis atinadas.

Logo, entre as preferencias como alternativa hai unha certa disparidade: a grande maioría (75%) considera que, simplemente, había outros nomes máis acaídos para recibir tal honra; doutra parte, hai tamén quen entenden que, en concreto, deberían ter sido autores/as infantoxuvenís os que, por fin, entrasen na Academia (12’5%) e para uns últimos a opción idónea tería sido escoller unha muller (12’5%), hai que deducir que para que o desequilibrio xenérico minguase na Rúa Tabernas.

Sobre deste último dato quería agora reflexionar: contra do que ao mellor inicialmente quen isto escribe puidese sospeitar, só un 13% defendeu esta aposta polo feminino na Academia, e iso malia a intensa campaña mediática que dende algúns foros se levou a cabo. Este feito abre un novo interrogante: ¿e el non será a súa unha loita contra un sentir máis enraizado do que parecía? Explícome: o problema talvez non estea naqueles/as que, expresamente, teñen manifestado o seu desacordo co que entenden unha “discriminación positiva” no xenérico o optar de partida por mulleres, senón naqueloutros/as ―probablemente moito máis numerosos/as do que puidese sospeitarse― que, non dando o seu parecer en público, cren que esa aposta en clave feminina non é necesariamente a mellor opción ou que non o é polo menos como dende algunhas plataformas se formula.

E escribo isto alén das conviccións persoais (pois creo, sinceramente, que unha maior presenza de mulleres na Academia non só sería xusta, senón conveniente) e atendendo tan só ao que, se cadra, poden estar pensando non poucos/as.

Mais o diálogo segue aberto e nesta casa precísase do teu parecer. Anímate e manifesta a túa opinión cun comentario, anonimamente ou asinándoo, como prefiras, pois do que se trata é de saber o que realmente moitos/as pensades para comprender mellor a realidade desta problemática e aprender dela.

Publicado no blog Criticalia 21/06/2011

Na categoría Reaccións! | Coas etiquetas | Leave a comment

¡Pitas, pitas!, por Inma López Silva

Aprendín a facer a guerra o día que vin Evasión na granxa. Xa daquela entendín que, vivindo como vivimos nun cortello galaico, o que nos quedaría ás galiñas sería a revolución, pero non sabía que a guerra das galiñas ía ser longa e non ía quedar máis remedio que dosificar pequenos xestos de loita armada, como romperlles as botellas de Varón Dandy aos porquiños ou abrir a gaiola dos coellos para ver de os converter en lebres.

Aspiraba daquela a que á chamada de «¡Pitas, pitas!», acudise un auténtico exército de galiñas dispostas a reorganizar a granxa e facela cumprir a norma da agricultura ecolóxica, con espazos de convivencia animal, sen incómodas gaiolas, e cun medido uso dos puríns. E o certo é que as galiñas de Galicia logramos revolucionar a granxa, a xulgar polo mal que senta nos minifundios a nosa irrupción desafiante.

Con todo, temos resistencia: sempre hai quen di que as galiñas somos todas unhas lurpias. Ese é o discurso contrarrevolucionario máis efectivo. Ese, e a presenza traidora dos galos. Hai galos abondo para cantar nesta granxa, din. Galos máis fermosos que sempre merecen ser galo só por naceren cunha fermosa crista vermella e por saberen de memoria a partitura dunha ladaíña moi de koljoz: «Cantamos ao amencer só para facer o ben de todos e todas vós». Así, a ritmo de muiñeira. Oír esa ladaíña diaria é o que nos lembra que a revolución das galiñas aínda ten sentido. Porque cando os galos van, nós que os parimos xa vimos de volta, e cando eles dobregan a crista, nós aínda damos bo caldo.

É certo que nesta granxa aínda rula o Varón Dandy de contrabando. Pero as pitas xa non cremos en ladaíñas de koljoz.

Publicado en La Voz de Galicia 18/06/2011

Na categoría Reaccións! | Coas etiquetas | Leave a comment